2 Xornadas de portas abertas e 5 masterclass de zumba, bike e ioga, no Complexo da Fieiteira durante este Nadal.

Con ocasión da época de Nadal o Complexo Deportivo da Fieiteira organiza unha serie de actividades especiais, incluíndo tanto xornadas de portas abertas a toda a cidadanía como masterclass sobre zumba, ioga ou bike destinadas a persoas usuarias das instalacións, ademais doutros eventos.

Neste senso, os días 24 a 31 de decembro, de 7 a 14 horas, haberá sendas xornadas de portas abertas nas que se poderán utilizar as instalacións do complexo de maneira gratuíta sen necesidade de ser usuario.

Ademais, desenvolveranse estas outras accións, previa inscrición nos listados dispoñibles no complexo:

  • Masterclass Especial Zumba: o 26 de decembro de 21 a 22 horas no polideportivo.
  • Masterclass Especial Zumba +60: o 3 de xaneiro de 11 a 12 horas no polideportivo, dirixido a persoas maiores.
  • Especial Bike: o 27 de decembro, de 9.15 a 10.15 horas.
  • Especial Bike + Circuit: o 3 de xaneiro de 9.15 a 10.45 horas, clase de bike intercalada (transicións) cun circuit de tonificación na sala de bike e no polideportivo.
  • Masterclass Especial Ioga: o 27 de decembro de 11 a 12 horas na sala do ximnasio.

Ludoteca

Por outra banda, os días 23, 26, 27 e 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro haberá un servizo de ludoteca para persoas usuarias do complexo, que poderán deixar aos seus fillos (de 4 a 10 anos) mentres fan actividade física nas instalacións.

Dende a Concellería de Deportes se ten programado para estas datas outras actividades fóra das instalacións como clases gratuítas de pádel, o BTT de Nadal, o clásico torneo de tenis, campionatos de xadrez de Nadal e Reis e outras novidosas iniciativas das que se darán conta nos vindeiros días.