A Festa do Percebe de Aguiño repartirá máis de mil quilos de produto na súa 20ª edición

A Festa do Percebe de Aguiño regresa o vindeiro 23 de xullo pola súa vixésima edición, desta vez organizada pola Confraría de Pescadores e Mariscadores de Carreira e Aguiño tal como se viña facendo tradicionalmente dende o seu nacemento en 1997.

O evento foi presentado polo patrón maior José Antonio Santamaría e polo alcalde Manuel Ruiz en representación do Concello, que colabora financeiramente no desenvolvemento da mesma. Tamén estivo no acto Esther Patiño, concelleira da localidade aguiñense.

Ruiz Rivas explicou que un cambio das circunstancias permitiu que a confraría volvese a tomar o mando da organización antes de dar paso a Santamaría, quen explicou as principais características do festexo. Neste senso, os comensais recibirán un prato de cerámica con entre 300 e 350 gramos de percebe ademais de cachelos e pan. O seu prezo será de 14 euros. Ademais, terán oportunidade de degustar empanada elaborada na zona (prezo: 3 euros) de carne, bacallau ou atún; e haberá unha pulpeira nas inmediacións da rula para os que queiran animarse a probar o molusco.

Do percebe, verdadeiro protagonista do acontecemento, poranse á venta máis de mil quilos, se ben a cantidade exacta dependerá das circunstancias meteorolóxicas. O grupo de gaitas O Rueiro de Pameira encargarase de animar unha cita que comezará ás 12 do día na lonxa e se prolongará ata esgotar existencias.

Para o correcto desenvolvemento da festa a confraría contratou a unha empresa (que se encargará de subministrar a carpa e aportar persoal cualificado na atención aos consumidores), se ben os encargados de poñer a punto o produto serán membros da propia confraría: dous cociñeiros e dous auxiliares.

Percebeiro de honra

Por outra parte, e tal que como anunciou o alcalde, manterase a figura do percebeiro de honra que se creou na etapa en que a celebración correu a cargo do Concello para distinguir a alguén senlleiro na traxectoria da festa e da propia confraría. Nos próximos días darase a coñecer a persoa homenaxeada.

Por último, José Antonio Santamaría, que quixo agradecer a todos os colaboradores que están a axudar a preparar o certame, manifestou que “o percebe como o de Aguiño non o hai en ningunha parte do mundo”. Esther Patiño quixo animar tamén a veciños e visitantes a que se animen a acudir á localidade para disfrutar do bo ambiente que se vai vivir e da calidade do crustáceo.

 

cartel percebe