A Xuntanza do Maior de Riveira celebrarase o domingo 3 de decembro

Xa se poden retirar as entradas para participar na Xuntanza do Maior de Riveira: unha celebración que se desenvolverá o vindeiro domingo 3 de decembro.

Así o explicou a concelleira de Servizos Sociais, Esther Patiño Rey, nunha presentación na que estivo acompañada dos presidentes dos clubs de xubilados de Aguiño, Riveira e Palmeira, Manuel Pérez Martínez, Balbiña Baña Pérez e Andrés Rego Fernández, respectivamente.

A cita comezará ás 12.30 horas cunha misa na igrexa de Santa Uxía que estará cantada pola Coral Polifónica Municipal de Riveira. A partir das 13.15 abriranse as portas do polideportivo da Fieiteira para que vaia entrando a xente a unha celebración na que se espera congregar un milleiro de persoas como vén a suceder nos últimos anos. Haberá música, baile e sorteo de agasallos, ademais do consabido xantar.

Cada entrada custa 16 euros. Poden retirarse no Departamento de Tesourería, que está emprazado provisionalmente na entreplanta superior á oficina bancaria de Abanca localizada na intersección da praza do Concello coa rúa de Lugo (na Área de Servizos Económicos do Consistorio se están a rematar as obras de remodelación).

Coma sempre, darase prioridade aos maiores empadroados en Riveira e nos últimos días abrirase a posibilidade de que os de outros concellos poidan anotarse sempre que non estea o aforo cuberto.

Durante a súa intervención Esther Patiño manifestou que “os nosos maiores merecen que se faga isto e moito máis”. A iniciativa está adscrita ao Programa de Dinamización e Promoción Social dos Nosos Maiores dos Servizos Sociais de Riveira.

xuntanza_maior_modi