Aberto o prazo de preinscrición para 6 obradoiros gratuítos para a terceira idade

 

 

O Concello de Ribeira informa da apertura  dunha preinscrición para o Programa de Dinamización e Promoción das Persoas Maiores: obradoiros para a terceira idade organizados dende a Concellería de Servizos Sociais en colaboración coas áreas de Deportes e Educación.

Seis son os obradoiros gratuítos ofertados: Aula Sociocultural para Maiores (Estimulación da mente – memoria), Enriquecemento educativo (Reforzo), Lingua e Cultura Galega, Artes Plásticas, Saídas de Sendeirismo e Ximnasia Adaptada.

Protocolos covid

En todos os casos aplicaranse protocolos covid, o que implicará a celebración de sesións máis curtas con grupos máis reducidos que en edicións anteriores, potenciando a realización de traballos nos domicilios.

O prazo para anotarse prolongarase durante todo o mes de setembro. As persoas interesadas poden formalizar a preinscrición na Oficina de Atención Cidadá situada no primeiro andar do consistorio. O inicio das clases está programado para mediados do mes de outubro.