Abril dos LIBROS – Ribeira 2021

As concellerías de Cultura e Educación uniron as súas forzas para confeccionar unha programación para o mes de abril no que haberá varias  efemérides salientables relacionadas coa promoción da lectura, a literatura e os libros.

As concelleiras María Sampedro e Juana Brión presentaron un calendario de eventos que, denominado “Abril dos Libros”, estará dirixido maioritariamente a público infantil-familiar pero tamén algunha que outra proposta para público adulto. Todas as funcións serán con aforo reducido, con agrupación por convivintes mantendo a distancia de seguridade, así como o resto do dispositivo de prevención implementado nas instalación culturais.

Deste xeito, contarase cun total de dez propostas culturais, dúas delas para adultos e oito para público infantil e familiar, segundo explicou María Sampedro. Os espectáculos para público familiar terán lugar todos os sábados do mes de abril, polas mañás ás doce no Centro Cultural Lustres Rivas e polas tardes ás sete en distintas parroquias do municipio para así descentralizar a programación e tratar de chegar a todos os veciños e veciñas.

Así os sábados ás doce teremos a Atenea García co espectáculo “Utopías”, a Raquel Queizás co “Segredo do Tendal”, Talía Teatro con “Rosa Caramelo” e “Protexendo do camiño” de Polo correo do vento. E polas tardes as accións serán o sábado 3 na parroquia de Carreira coa obra “Aldara na montaña” de Soraya Lema, o sábado 10 no Centro social de Oleiros co espectáculo “Debulendo lendas” de títeres Tarabelos; o sábado 17 chegarán á casa do Mar de Corrubedo a compañía Pérez&Fernández e o sábado 24 desembarcará en Aguiño na aula de música o artista Magín Blanco coa obra “o que levamos nas maletas”.

En canto aos actos para público adulto teremos a oportunidade de gozar en Ribeira o venres 23 da nova produción de Excéntricas titulada “Estrela do Día”, un espectáculo escrito polo noso veciño Quico Cadaval e baseado nos milagres das Cantigas de Santa María de Alfonso X, o Sabio, un dos primeiros manuscritos galaicoportugueses do que temos constancia. A obra combina música, humor, e algo de drama e terémola na nosa cidade grazas á colaboración e patrocinio da Deputación da Coruña.

Pecharemos o mes de abril cun evento moi agardado como é a presentación literaria da novela “Celada” de Antonio Piñeiro, que como saben foi a obra gañadora da Sétima edición do concurso de novela curta “cidade centenaria de Ribeira”.

Hai que destacar que, dado o aforo limitado, todos os espectáculos e eventos, tanto os de adultos como de público familiar, requirirán de inscrición previa. Para iso, na semana de cada espectáculo os interesados deberán enviar un correo electrónico a culturaefestexos@ribeira.gal indicando o número de asistentes, relación de convivintes, nome e apelidos e teléfono de contacto, e posteriormente a concellería de Cultura confirmará a dispoñibilidade. Ademais en cumprimento do protocolo de prevención do Covid, os datos gardaranse durante un mes estritamente co fin de control da asistencia sendo destruídos unha vez finalizado ese tempo sen detectarse ningunha incidencia.