Adxudicación provisional da remodelación da área de servizos económicos da Casa do Concello de Riveira.

O Concello de Riveira informa da adxudicación provisional da obra dirixida a remodelar a Área de Servizos Económicos situada na planta baixa do Consistorio para facela accesible ás persoas con mobilidade reducida.

Esta actuación, cuxo proxecto técnico foi elaborado polo arquitecto municipal, recaeu na empresa Domínguez Arias e Hijos, S.L., por un importe de 72.360 euros, IVE incluído, cun prazo de execución de 25 días. A actuación conta cunha subvención concedida por Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza.

Dependencia provisional

En tanto se leven a cabo as obras, as Área de Servizos Económicos estará situada nunha entreplanta na rúa Galicia (enriba das oficinas de Abanca).

Para acceder á área económica cómpre salvar a día xe hoxe un desnivel de 50 centímetros formado por tres chanzos de escaleira. Ademais, as oficinas adoecen dunha necesaria posta ao día e rexistra carencias de illamento tanto térmico como acústico. Por outra banda, o corpo de aseos non acada estándares mínimos esixibles pola normativa de accesibilidade.

A efectos de mellorar todos estes aspectos, proxéctase implantar unha rampla en dous tramos dende o hall de entrada ata o acceso as devanditas oficinas, o que obrigará a modificar o dobre portal de acceso ao Consistorio para adaptalo tamén á normativa de accesibilidade e seguridade en caso de incendios. Para elo proxéctase instalar unha nova carpintería de aluminio con portas adaptadas á normativa de incendios.

No interior do corpo das Oficinas dos Servizos Económicos, manterase o falto teito e a parte da tabiquería en ladrillo (non así a de vidro/aluminio). Retiraranse as portas de paso e se instalarán outras cun maior ancho (80 centímetros) para adaptalas á normativa.

No canto dos dous accesos existentes crearase un só máis grande resultado de demoler o tabique interior para que así cumpra as condicións da normativa de accesibilidade (cómpre lembrar que no mesmo andar xa existen outros dous aseos na Oficina de Atención Cidadá). Renovaranse os alicatados e a porta de entrada, que terá un ancho de 80 centímetros.

Para mellorar as condicións de illamento térmico vaise realizar un trasdosado interior do paramento perimetral da fachada, a base de madeira contrachapada. Ademais, instalaranse novos tabiques de madeira para mellorar o illamento acústico, unha solución máis confortable e duradeira que a tabiquería de aluminio/vidro actual.

Outras obras de accesibilidade

Nos últimos meses o Concello está a levar a cabo ou ten en proxecto diversas obras de accesibilidade en edificios públicos. Así, no Conservatorio xa se completou a instalación dun ascensor en tanto que nas aulas formativas que teñen os Servizos Sociais na rúa Cristóbal Colón actuouse nos aseos para facelos utilizables polas persoas con mobilidade reducida.

Por outra parte, tamén está pendente unha obra de accesibilidade no edificio no que están situados o Centro Cultural Lustres Rivas e a Biblioteca Municipal.

 

oficina_servizos_económicos_modi