Cambios no funcionamento dos semáforos do malecón coa fin de dar fluidez á circulación rodada.

Coa fin de axilizar a circulación de vehículos pola avenida do Malecón, esta semana vense de introducir unha serie de cambios na regulación semafórica que redundan na fluidez do tráfico rodado desta arteria urbana.

Tales alteracións no funcionamento afectan a tres dos catro grupos de semáforos existentes nesta vía: concretamente, os situados a carón da actual estación de autobuses, á altura da nova sede de Correos e diante do coñecido como edificio da Caixa de Aforros. As variacións efectuadas consisten en que, unha vez a sinalización indica verde para os peóns, no caso dos vehículos cambia de vermello a ámbar para que poidan seguir circulando pola vía cando non haxa viandantes cruzando a estrada (cando o de peóns cambia a vermello o de vehículos torna de ambar a verde).

As primeiras xornadas con esta modificación están a evidenciar un bo resultado das medidas emprendidas, con maior fluidez circulatoria e evitando retencións na avenida.

O único grupo semafórico que permanece como ata agora (vermello para os vehículos durante todo o tempo en que permanece verde para os peóns) é o situado na confluencia do Malecón coa zona peonil de Rosalía de Castro ao ser un lugar cun tránsito de persoas denso.