Oficina Municipal de Información ó Consumidor (OMIC)

A Oficina Municipal de Información ó Consumidor (OMIC) é un servicio gratuíto da Oficina de Consumo do Concello de Riveira que ten por obxectivo o asesoramento e a información ós consumidores, así coma o control dos productos ou servicios ofertados. Tamén permite a tramitación das reclamacións, en caso de non cumprirse as normativas vixentes.

FOLLAS DE RECLAMACIÓN

¿Que son?

Son un instrumento áxil para facilitárno-la remisión á nosa Administración das nosas denuncias e/ou reclamacións, aínda que non é a única vía, posto que vostede pode facer chega-las súas reclamacións por calquera outro medio. Trátase dun xogo unitario de impresos autocalcantes composto por un folio orixinal de cor branca para enviar á Administración, un folio de cor verde para nós, e outro de cor amarela para o reclamado.

¿Onde esixilas?

En calquera establecemento da nosa Comunidade Autónoma que comercialice bens ou nos preste algún servicio. Saiba que cando a solicite teranlla que entregar no propio establecemento e de xeito obrigatorio e gratuíto. O feito de non telas ou de negarse a facilitalas constitúe unha infracción, polo que se poderá requiri-la presencia da Policía Local para que levante acta dos feitos. Cando con posterioridade presente a súa denuncia sería aconsellable que se xuntase unha copia do Informe da Policía como elemento probatorio.

¿Como cubrilas?

Siga as instruccións que figuran ó dorso do impreso e faga consta-lo seu nome e apelidos, domicilio, Nº do D.N.I ou pasaporte, unha descrición breve e precisa dos feitos que motivan a súa reclamación (non esqueza indica-lo lugar, día e hora no que ocorreron) e cal é a súa pretensión no momento de cubri-la folla de reclamación (denuncia-los feitos, reclamar unha solución...).
O reclamado ten reservado un espacio para identificarse, así como para face-las alegacións que estime oportunas. ¡Rexeite as follas de reclamación nas que non aparezan os datos do establecemento!.
Saiba que se opta por unha DENUNCIA deberá poñer un "X" no recadro de SANCIÓN, mais se o que pretende é recupera-lo diñeiro, que lle cambien o producto ou que lle enmenden un servicio mal prestado, deberá elixi-la opción ARBITRAXE marcando cun "X" a cuadrícula correspondente (neste caso non esqueza asinar, no reverso da folla branca, a solicitude de intervención da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia).

A arbitraxe é unha vía extraxudicial, rápida, eficaz e económica que a Administración pon ó seu servicio para resolver facilmente as diferencias que poida ter cos comerciantes, empresarios ou prestadores de servicios. É voluntaria na medida en que ambas partes se adhiren ó sistema libremente. Elixa aqueles establecementos que lle garantan esta posibilidade, recoñeceraos porque ostentan este distintivo:

¿Onde presentalas?

O impreso orixinal, de cor branca, poderá presentalo na OFICINA MUNICIPAL DE INFORMACIÓN Ó CONSUMIDOR (OMIC), na súa asociación de consumidores ou ben envialo directamente ó Servicio Provincial de Consumo da Provincia onde teñan acontecido os feitos.

Non esqueza acompaña-los xustificantes que teñan que ver co problema (facturas, orzamentos, contratos, ...).

Lembre que de pouco serven os dereitos que temos recoñecidos se nos, os consumidores e usuarios, non actuamos cada vez que sufrimos un atropelo e desaproveitámo-los medios que as distintas administracións (local, autonómica e estatal), ou as nosas propias asociacións de consumidores, poñen ó noso servicio para garantírno-la mellor defensa dos nosos intereses.

Este servicio, ten as súas dependencias de atención á cidadanía na Avda. do Malecón, nº 3. Para informarse, o teléfono é 981 873 007.