Concurso de ideas do Novo Auditorio Municipal de Riveira

OS TRES DESEÑOS FINALISTAS DO NOVO AUDITORIO E AS IDENTIDADES DOS SEUS RESPONSABLES DARANSE A COÑECER MAÑÁ NUN ACTO PÚBLICO

  • A actuación está financiada con fondos europeos FEDER dentro do programa Máis Riveira Atlántica 2020, que reserva unha partida de 2,5 millóns de euros.

 A punto de concluír xa a avaliación das 36 propostas presentadas ao concurso de ideas para a construción do futuro Auditorio Municipal de Riveira, mañá xoves ás 13 horas vai ter lugar un acto de acceso libre no salón de plenos do Consistorio no que, ademais de darse a coñecer os tres deseños seleccionados polo xurado, se abrirán publicamente os sobres para desvelar as identidades dos seus arquitectos ou estudos responsables.

Culminará deste xeito a primeira fase dun certame que acto seguido afrontará outro prazo de 30 días nas que os responsables das tres propostas deberán elaborar e presentar cadanseu anteproxecto (recibirán unha prima de 9.000 euros máis IVE por tal concepto) a fin de que o xurado decida o deseño gañador, que será o que se execute nunha parcela de 1.372 metros cadrados anexa ao parque do Centenario, no marco da EDUSI Máis Riveira Atlántica, financiada nun 80% polo fondo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

Cómpre lembrar que, de acordo coas bases do concurso, o edificio deberá constar dunha planta soto ou semisoto (equipada entre outras prestacións con camerinos e vestiarios e unha aula de ensaios ou usos múltiples debidamente insonorizada) e dunha planta Auditorio con hall/vestíbulo de entrada e dous niveis (patio de butacas e palco) cun aforo total mínimo de 450 espectadores.

Prevese ademais unha planta baixocuberta cunha sala polivalente e un corpo de aseos cunha superficie total de 200-220 metros cadrados.

A construción do novo Auditorio, para o cal se reserva unha partida de 2,5 millóns de euros, contribúe ao obxectivo temático 9 do POCS 2014-2020 “Promover a igualdade, a saúde e a inclusión social” e execútase na liña de actuación 16 da EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020 denominada “infraestruturas públicas culturais e sociais”.