Día Mundial dos Océanos

Este sábado 6 de xuño, Riveira vai conmemorar o Día Internacional dos Océanos a través dunha xornada de carácter medioambiental única en Galicia que comprende por unha parte a limpeza de dous areais do municipio e, por outra, a instalación dun conxunto de carpas que teñen por obxecto transferir aos veciños dunha forma práctica distintos coñecementos ligados coa importancia de preservar o noso medio mariño.

Impulsada coa colaboración do Concello polo Campus do Mar da Universidade de Vigo (un dos dous únicos campus de excelencia existentes en Galicia xunto ao campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela), a iniciativa incardínase nun proxecto máis amplo promovido pola Axencia Europea de Medio Ambiente, que ten por obxecto cuantificar as cantidades de lixo mariño existente nas costas, monitorizándoos e compartíndoos nunha plataforma denominada Marine LitterWatch.

Microplásticos

Neste senso, Emilio Fernández, director do Campus do Mar, insistiu durante a presentación de hoxe na dimensión desta problemática en canto á cantidade de lixo mariño existente, especialmente en forma de microplásticos e outras micropartículas. Fernández esgrimiu datos alarmantes, como por exemplo que entre o 2 e o 5% dos plásticos que se xeran no mundo rematan no mar, o que equivale a cinco bolsas de lixo por cada 30 centímetros de costa (datos da propia axencia europea).

Así mesmo, o director do Campus do Mar, quen estivo acompañado na presentación polo alcalde en funcións Manuel Ruiz, manifestou que a vocación da actividade é máis formativa que meramente de limpeza, pois o que se pretende é pola vía da sensibilización crear comunidades que pola súa propia conta impulsen localmente actividades como esta.

Inscricións

A acción dará comezo ás 10 horas, tendo como punto de encontro a área portuaria do Touro. Dous serán os areais obxecto da limpeza: Fontán Touro e Area Secada. Aqueles que desexen participar poden inscribirse na páxina web www.campusdomar.es/dmo. Por suposto, a actividade é de balde e o número máximo de persoas participantes son 100. Os que se animen a asistir estarán acompañados de expertos que se encargarán de monitorizar os datos obtidos e compartilos na citada plataforma Marine LitterWatch xunto a outras iniciativas semellantes realizadas noutros países.

Por outra parte, na zona comprendida entre Fontán Touro e Area Secada serán dispostas unha serie de carpas que versarán sobre diferentes temáticas, de tal xeito que aqueles que as visitan poidan recibir dunha forma práctica interesantes coñecementos sobre o medio mariño.

Concienciación

Manuel Ruiz incidiu na importancia de levar a cabo iniciativas como esta para concienciar á xente, unha vez se teñen realizado ou están en camiño importantes actuacións, como a EDAR de Corrubedo, a reparación do emisario do Touro ou as obras da futura depuradora de Couso. Tamén quixo agradecer a iniciativa ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

 

Riveira15-01