Dous campamentos de verán organizados por Servizos Sociais buscan favorecer a inclusión dos rapaces participantes

A Concellería de Servizos Sociais, Promoción Social e Igualdade vai desenvolver este verán dous campamentos destinados á integración dos nenos e mozos participantes a través da realización de actividades de ocio e tempo libre.

Un destes campamentos será o campamento de convivencia e respiro familiar O Kiriko, dirixido a rapaces con diversidade funcional maiores de 16 anos que se desenvolverá na granxa escola “Kiriko Natura” en Fornelos de Montes (Pontevedra) durante 5 días en réxime de pensión completa: do 13 ao 17 de agosto.

O prazo de inscrición será do 23 ao 27 de xullo e as solicitudes teranse en conta por rigoroso orde de inscrición no Departamento de Servizos Sociais. Requírese nos rapaces con diversidade funcional asistentes (ata un máximo de 10) un mínimo de mobilidade e independencia e ser residentes no concello riveirense.

Ademais, haberá un segundo campamento de inclusión dirixido a familias con nenos en situación de vulnerabilidade social que participan ao longo de todo o ano nos programas que se desenvolven no Departamento de Servizos Sociais.

Nesta ocasión, celebrarase no campemento de Pontemaril-Forcarei do 23 ao 29 de agosto, con participación de 15 nenos e nenas.

É unha acción que se desenvolve conxuntamente e en coordinación con Golfiño Xestión de Ocio, que participa tamén outro grupo de rapaces para propiciar o favorecemento da integración de todos os participantes.

Ambas actividades son gratuítas e están subvencionadas na súa totalidade polo Concello a través do Departamento de Servizos Sociais que dirixe Esther Patiño.