Festas do Verán de Riveira 2019

PROGRAMA DAS FESTAS

A vocalista Rosario Flores e a banda Maldira Nerea, ademais do grupo Milladoiro, eríxense nos pratos fortes das Festas de Verán de Riveira, que se celebrarán do mércores 31 de xullo ao domingo 4 de agosto e nas que Luis Iglesia (actor en series como Matalobos ou Libro de Familia) se encargará de dar o pregón inaugural.

A concelleira de Cultura María Sampedro, o presidente da comisión de festas José Alonso e Sergio Paz, membro deste colectivo, presentaron no Consistorio a extensa programación, “variada e pensada para todas as franxas de idade” en palabras da edil municipal.

Novidades na procesión do Carme

Outro dos momentos máis agardados estará integrado pola Procesión do Carme, que por segunda vez principiará na nova lonxa cunha misa solemne (sábado ás 18.30 horas) que nesta ocasión estará cantada pola Coral do Círculo Mercantil de Riveira. Como novidade a efixie de San Pedro, patrón dos mariñeiros, sairá á rúa e acompañará a da Virxe do Carme despois de máis de 60 anos sen facelo. Ambas embarcarán no Boteira Primero, buque que encallou no pasado maio no litoral de Aguiño e que despois de superar con ben este incidente se ofreceu para este traslado. María Sampedro agradeceu ás asociacións Alfaia e Amas de Casa e á parroquia de Santa Uxía a súa inestimable colaboración organizando este evento.

Pola súa parte, José Alonso agradeceu a Concello, integrantes da comisión, empresa Frinsa e ao tecido comercial, hostaleiro e asociativo que tivo a ben axudar ao desenvolvemento das festas a súa colaboración.