Fiestra da Cultura 2018

A Fiestra da Cultura 2018 aumenta o seu número de propostas respecto ao ano pasado e serán máis dunha trintena os eventos que se desenvolverán no municipio na época estival para disfrute da cidadanía segundo explicou a concelleira Herminia Pouso.

Así, a tradicional reunirá programacións como o festival de humor Ríveira ou o ciclo de monólogos Chanzas na rúa, pero tamén outros concertos, actuacións cómicas, exposicións, cine ao aire libre ou contacontos…o que fai que Riveira se converta nun gran escaparate cultural durante o verán, nunha fiestra da cultura que xa é referente de toda a comarca.

Algunhas das convocatorias organízanse directamente polo Concello a través da área de Cultura e outras coa colaboración de entidades públicas como a Deputación da Coruña, a través do programa Rede Cultural 2018, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia no marco do programa Cultura no Camiño, e tamén da man do tecido asociativo, como por exemplo a Asociación GDC Tuning, o Tomasón, a asociación cultural Alfaia e outras moitas.

As actividades que se engloban na Fiestra da Cultura xa comezan o venres día 6 de xullo, co monólogo de Pedro Brandariz na Rúa de Portugal- zona de Bandourrío. Esa será unha fin de semana con máis actividades xa que teremos o sábado a actuación dos Sete Magníficos e Sue Moreno no Paseo do Malecón, e o domingo 8 de xullo a celebración do Día de San Cristovo coa tradicional bendición dos vehículos que percorrerán as rúas da cidade.

Continuaremos nas seguinte fins de semana co monólogo do humorista ISI e Ángela Triana, a actuación de novo circo da compañía Duelirium, as actuacións de maxia de Pedro Bugarín, Mago teto, Mago Rafa ou os espectáculos de Nono, Trasno, ou o Paiaso Popín. Tamén hai que destacar nesta programación a música, con concertos como o de Cristina Pato, o 2 de agosto na Praza de España, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitres, o 5 de agosto, Uxía Lambona e a Banda Molona o 8 de setembro e o Vermú Galego a cargo dos Amigos dos Músicos e Caxade o 9 de setembro. Ademais este ano como novidade recuperamos a Mostra de Música e Danza Tradicional na que participarán distintas formacións do municipio e que será o 5 de agosto na Praza de Porta do Sol.

Ademais como é habitual recóllense outras citas como é o xa tradicional festival de Salsa na Rúa que impulsa O Tomasón, a feira do comercio Viamare Stock, a feira Artesanal e Mariñeira Artemar que terá lugar do 16 ao 19 de agosto ou a concentración Tuning prevista nos primeiros días de setembro.

Non falta tampouco o cine ao aire libre, aínda que nesta ocasión e atendendo a diversas propostas veciñais, levaranse as proxeccións ás parroquias. Seleccionáronse tres películas de carácter infantil e familiar para proxectar en Aguiño, Oleiros e Palmeira, reunindo así nestas zonas á poboación das parroquias cercanas.

Para rematar cómpre incidir nas distintas exposicións que temos previstas para estes meses. A primeira delas chega da man do artista riveirense Antonio Pérez, cunha homenaxe ao Dolmen de Axeitos, e que se poderá ver no Centro Cultural Lustres Rivas do 20 de xullo ao 1 de setembro. Tamén teremos na cidade unha mostra sobre o arquitecto Alejandro de la Sota, que se exporá na Praza de Porta do Sol, e xa no mes de setembro inauguraremos nova mostra no Lustres Rivas coas artistas Ramón de Pérez e Molleda.