Veciños, visitantes e usuarios de internet poderán mercar na plataforma de E-commerce ‘Ribeira Store’

Veciños, visitantes e calquera usuario de internet que o desexe poderán mercar na plataforma de comercio electrónico ‘Ribeira Store’ a partir do sábado 29 de agosto.

Logo de sete meses de traballo, ‘Ribeira Store” (www.ribeirastore.com) é unha realidade que busca contribuír a que o tecido económico deste municipio dispoña de novos recursos e ferramentas cos que potenciar as súas ventas, algo se cadra máis necesario que nunca tras a irrupción do covid-19, o que conduciu de feito á inclusión da mesma no Plan Reactiva Ribeira concibido para atenuar os efectos da pandemia.

Demostración

Para explicar o versátil, intuitiva e potente que é a plataforma, este sábado 29 de agosto ás 12 do mediodía na praza do Concello (ou no salón de actos do Centro Cultural Lustres Rivas en caso de choiva) desenvolverase unha demostración que correrá a cargo de Edelmiro Justo, cofundador de TokApp, a empresa que se estivo a encargar do desenvolvemento tecnolóxico de ‘Ribeira Store’. A última fase antes do seu lanzamento público consistiu nunha campaña de captación porta a porta entre os negocios do municipio.

Cómpre lembrar que TokApp está ultimando tamén o desenvolvemento dunha app do Concello de Ribeira que traerá diversas funcionalidades e que estará entrelazada coa plataforma de e-commerce: un valor engadido á hora de aumentar o alcance e o número de potenciais clientes.