IV Feira da Educación de Riveira.

Por cuarto ano consecutivo volve a Feira da Educación a Riveira e esta vez serán 35 as entidades que van participar no Auditorio nun certame que ten como principais obxectivos visibilizar o traballo que se están a realizar nos centros de ensino, ademais de academias privadas de formación, escolas municipais ou colectivos que teñen na aprendizaxe un dos seus piares.

A concelleira de Educación e Cultura Herminia Pouso, acompañada da responsable do Servizo de Normalización Lingüística Alicia Padín, compareceu esta mañá no Consistorio para explicar esta acción, que terá lugar do mércores 26 ao domingo 30 de abril en horarios de 10 a 14 e de 17 a 21 horas. De mércores o venres, as sesións de mañá estarán reservadas para a visita dos alumnos dos centros docentes mentres que o resto da programación estará aberta ao público en xeral.

Ademais da parte expositiva (na montaxe dos stands estiveron a traballar usuarios do taller de carpintería do Servizo de Drogodependencias de Riveira), a feira contará cun amplísimo programa de medio cento de actividades: concertos, obradoiros de ilustración con materiais naturais, talleres de robótica, proxección de curtas, unha charla sobre a adolescencia a cargo de Santiago Páramo, un monólogo de Quico Cadaval, cantarolas promovidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou a exhibición dos produtos alimentarios marca Coroso elaborados no Departamento de Industrias Alimentarias do Centro Integrado de Formación Profesional están entre as propostas, ademais dunha inauguración oficial que terá lugar este mércores ás 12 do mediodía.

 

cartel_edu17