IV Feira do Libro de Riveira.

A cuarta Feira do Libro de Riveira programada para entre o xoves 21 e o domingo 24 de xuño contará con seis stands ademais dunha biblioteca na rúa posta polo Concello.

Para a presentación desta actividade xa consolidada no noso municipio e que dende o ano pasado se adscribe á programación do Xuño da Cultura e as Artes, estiveron no consistorio local a concelleira Herminia Pouso, a deputada provincial Ánxela Franco; Jesús Espada como xefe do servizo de coordinación da área de cultura na Coruña da Xunta; e Xosé Antón Pedreira como presidenta da Federación de Libreiros da Coruña.

Unha vez máis, a feira terá lugar na praza do Concello cos seguintes horarios: xoves e venres de 12 a 14 e de 18 a 12 horas e os sábados e domingos de 12 a 14.30 e de 18 a 22 horas. Os stands participantes son: Libraría Arigató de Riveira; Libraría Pedreira de Santiago; Libraría Cortizas de Ferrol; Libraría Aenea de Santiago e Libraría Ler da Pobra, así como Deputación da Coruña. Os libros á venta terán un 10% de desconto no seu importe.

Por outra banda, na biblioteca da feira municipal haberá unha completa selección de obras escritas por autores locais tanto de consulta como, nalgúns casos, de agasallo.

Nutrida presenza local

Asemade, nesta cuarta edición incrementáronse as actividades complementarias cunha significativa presenza de creadores locais como José Vicente Domínguez, Francisco Sánchez Fraga, Xosé Antonio Ventoso Mariño, Carlos Lixó ou Carlos Callón, ademais de celebrarse un acto de lembranza a Plácido Betanzos que porá o peche ao certame feiral (domingo ás 21 horas) e no que se repartirán de balde exemplares da súa novela “Paravea no Inferno” ata esgotar existencias.

Cómpre destacar tamén outros autores que recalarán na nosa cidade como Paco Lobatón para presentar “Te buscaré mientras viva” (a iniciativa do club Exxpopress), Maite Mosconi con “Gaedheal. Libro de las invasiones 1” ou “Camiños” de Magín Blanco, entre outros.