Normas a respectar con motivo da celebración das festas de San Xoán

Con motivo da tradicional Festa de San Xoán, e ao obxecto de previr calquera tipo de incidente e garantir unhas condicións de limpeza e hixiene adecuadas dos espazos públicos para que poidan ser gozados ao día seguinte por todos en perfectas condicións, establécense unha serie de normas a respectar con motivo da celebración deste acontecemento:

Primeira. As persoas, asociacións, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela deberán presentar a solicitude correspondente no Rexistro Xeral do Concello antes das 13:30 horas do día 20 de xuño de 2014, sinalando o nome, enderezo, teléfono, correo electrónico e fotocopia do D.N.I. dos responsables da organización, con indicación clara do lugar de celebración, tipo de cacharela (fogueira, sardiñada...), e características do terreo onde se pretende realizar (terra, asfalto, formigón, beirarrúa, chapas, outros).

Segunda. Entenderase autorizada a cacharela se non media denegación expresa previa á data da celebración, e sempre e cando se cumpran as condicións e normas establecidas.

Terceira. Fogueiras sobre pavimentos en zonas urbanas. Con carácter excepcional permitirase facer a cacharela sobre pavimentos de zonas urbanas (asfaltado, embaldosado...), sempre e cando se coloque sobre unha chapa metálica protectora ou sobre unha capa de area de polo menos 10 centímetros.

Cuarta. Fogueiras nos areais e praias do termo municipal. Con carácter xeral non se permitirá facer fogueiras sobre os areais. Excepcionalmente, poderán autorizarse pequenas fogueiras naqueles areais que non contan con algunha figura de protección. Nestes casos a madeira que se utilice para a realización das fogueiras debe estar desprovista de puntas, cravos ou calquera outro elemento similar (a presenza destes elementos e a súa facilidade para introducirse na area pode provocar importantes danos aos usuarios das praias en días posteriores). Pola mesma razón prohíbese o uso de envases de vidro nos areais. A persoa solicitante será a responsable dos danos que se poidan ocasionar aos usuarios das praias pola omisión das condicións sinaladas anteriormente.

En calquera caso non se permitirá a realización de fogueiras nos areais dos espazos naturais protexidos: Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (praias: Ladeira, Lagoa, Vilar e Anguieiro), Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (praias do arquipélago de Sálvora), LIC Complexo Húmido de Corrubedo (praias da liña costeira comprendida entre o Parque Natural e Punta do Couso).

Tampouco nas praias incluídas no Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia, aprobado mediante o Decreto 9/2014, do 21 de xaneiro, como área de presenza e/ou área prioritaria de conservación da Píllara da Area, entre outras: Espiñeirido, Balieiros, Ladeira, Lagoa, Vilar, Anguieiro, Penisqueira, Celeiráns, Muralla, Tasca, Catía, Castro, Coroso e Corna.

Quinta. Con carácter xeral o montón de materiais que formen a cacharela non poderá exceder de 3 metros de altura, salvo casos concretos debidamente xustificados polas especiais medidas de seguridade adoptadas, coma o caso da fogueira de San Xoán de Palmeira. Nos areais só se permitirán pequenas fogueiras.

Sexta. Está prohibida a queima de plásticos, gomaespumas, rodas, aerosoles e, en xeral, calquera produto inflamable ou explosivo, ou de materiais en cuxa composición interveña o plástico, debido aos gases tóxicos que produce a súa queima.

 Sétima. Non se poderán acender as fogueiras a menos de 15 metros de calquera edificación, tendido eléctrico, instalación de calquera tipo ou vehículo, nin a menos de 50 metros das árbores.

Oitava. Ante calquera posible incidente ou emerxencia deberán contactar coa Policía Local, Protección Civil ou os Bombeiros, nos seguintes teléfonos de emerxencias:

  • Emerxencias:           112
  • Policía Local:           981 871 178
  • Bombeiros:              981 871 919

Novena. Os responsables da organización deberán ter a man mangueiras de auga ou calquera outro medio adecuado para a extinción do lume.

Décima. Non se abandonará a vixilancia da fogueira ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.

Undécima. Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento da fogueira e/ou sardiñada, nun prazo máximo de 12 horas despois de rematada.

O cumprimento destas normas poderá ser verificado polo persoal do Grupo de Extinción de Incendios, Bombeiros e pola Policía Local, que dará conta das infraccións detectadas.

Ver bando