Decembro no Espazo Xuvenil

O Espazo Xuvenil situado no segundo andar do edificio do mercado riveirense traerá este decembro novas actividades gratuítas a demanda dos seus usuarios: mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 19 anos. Un obradoiro de deseño e impresión, un taller de stop motion e outro de artes plásticas encherán de contidos o lugar, que alcanza o seu terceiro mes de funcionamento.

Así, os días 1, 2, 7, 8 e 9 de decembro, de 17 a 21 horas, terá lugar un Obradoiro Aberto de Deseño e Impresión para que os asistentes teñan a oportunidade de achegarse á imaxe virtual e a todas as posibilidades da creacións 3D. O curso contará cunha máquina de prototipado (impresora 3D) coa que facer realidade eses obxectos.

Neses mesmos días 1, 2, 7, 8 e 9 e no mesmo horario tamén terá lugar un Obradoiro de Stop Motion: técnica de animación visual consistente en aparentar o movemento de obxectos estáticos mediante unha serie de imaxes fixas sucesivas. A creación por medio desta técnica abriralle a porta aos participantes ao mundo audiovisual nun taller que tamén incluirá o deseño de decorados, elaboración e xeración de movemento dos personaxes ou, incluso, a dobraxe.

Finalmente, na segunda quincena (días 15, 16, 22, 23, 29 e 30) haberá un Obradoiro Aberto de Artes Plásticas impartido por Lucía Romaní. Empregarase todo tipo de materiais do contorno (material de refugallo, mesas e cadeiras…) o para xerar unha linguaxe artística.

Estrea de curtas

Ademais de todo isto, esta fin de semana haberá outras actividades. Así, o mañá venres terá lugar a estrea das curtametraxes gravadas polos rapaces asistentes ao taller de creación de curtas efectuado no presente mes de novembro. As proxeccións comezarán as 17 horas.

Proba do VIH e conversa co alcalde

E en canto ao sábado 1 de decembro, Día Mundial da Sida, contará con outras dúas accións. Dunha banda brindarase a posibilidade de que os mozos se fagan a proba da VIH nunha iniciativa organizada en colaboración coa Asociación Renacer. E ademais, a partir dos 19 horas, desenvolverase a actividade “Fala co alcalde” para que todos os mozos e mozas que o desexen poidan conversar con Manuel Ruiz acerca de aquilo que máis lles inquieta ou interesa.

Cómpre lembrar que o Espazo Xuvenil ofrece tamén outras propostas para que a rapazada teña hábitos de ocio saudable: xogos de mesa, xogos de plataforma, set de DJ, ordenadores, conexión wifi e un longo etc… A entrada e participación en todas as actividades é gratuíta e sen inscrición previa.