Novo curso sobre dependencia e coidados.

Vista a gran aceptación do curso sobre dependencia e coidados posto en marcha o pasado 6 de marzo e no que quedaron persoas en listaxe de espera, dende Servizos Sociais decidiuse organizar un segundo curso deste tipo que se celebrará entre os días 27 de marzo e 2 de abril, unha vez máis en colaboración coa fundación Humanismo e Democracia.

Ao igual que o que se está a desenvolver (e que conclúe mañá mércores 22) a nova acción formativa constará de 40 horas teóricas e 10 prácticas, estando dirixido a formar a profesionais ou familiares que traballen e/ou convivan con persoas dependentes co fin de mellorar a calidade de vida deste tipo de usuarios.

O temario está composto por distintas materias como conceptos básicos sobre dependencia, envellecemento activo e prevención de dependencia, problemas asociados á dependencia, recomendacións para o coidador, habilidades sociais, preparación e elaboración de menús, hixiene e medicación, xestión de tempo e solución de imprevistos e orientación laboral.

Nos criterios de selección priorizaranse a persoas migrantes, parados de longa duración, perceptores de RISGA/RAI/PREPARA, menores de 30 anos e maiores de 45 anos. Haberá 30 prazas.

Interesados dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais (edificio Miradoiro de Padín / teléfono: 981 874 131).

 

cartel_dependencia2