O Concello de Ribeira conmemora o Día da Diversidade Sexual cun ciclo online de curtametraxes e outros actos telemáticos

O Concello de Ribeira vén de preparar unha programación de actividades dirixidas a conmemorar o Día da Diversidade Sexual que, dados os condicionantes do covid-19, será integramente online.

A concelleira de Igualdade, Ana Ruiz, e a directora do Centro de Información á Muller, Dolores Crujeiras, encargáronse  de divulgar este calendario de eventos, que principiará na mañá deste venres 27 de xuño cunha videocreación de apertura que se compartirá por Facebook e correrá a cargo do artista multidisciplinar Samuel Merino, máis coñecido no mundo virtual como Pomba e Boato.

A continuación divulgarase un ciclo de cinco laureados curtametraxes LGTBIQ+ pola diversidade e contra intolerancia cuxos dereitos de emisión o Concello vén de contratar para amosar entre toda a cidadanía que queira achegarse a esta temática. Organizado en colaboración con CortaEspaña, o seu visionado estará dispoñible ata o 3 de xullo.

As pezas que se exhibirán a través do enlace  son: “Dicen (they say)” dirixido por Alauda Ruiz de Azúa, “La huida” de Julio Montejo e Manu Montejo, “La pureza” de Pedro Vikingo, “Love wars” de Vicente Bonet, e “Y otro año, perdices”, de Marta Díaz de Lope Díaz.

A programación concluirá o 3 de xullo coa emisión dun videorelatorio formativo de peche a cargo de Patricia Freire, educadora social do colectivo Afectividades (Diversidade sexual – Feminismo).

Fachada consistorial

Así mesmo, para celebrar o Día da Diversidade Sexual que se celebra o 28 de xuño a fachada consistorial estará iluminada coas cores do simbólico arco da vella.

ORGULLO DE DIVERSIDADE