O Concello de Ribeira impulsa unha campaña de captación de veciños interesados no proxecto de implantación de composteiros.

O Concello de Ribeira vai impulsar unha campaña de captación de veciños que poidan estar interesados en participar no plan de implantación de composteiros no noso termo municipal: un proxecto que consiste na instalación de dous centros de compostaxe comunitario para o tratamento in situ de biorresiduos no casco urbano da cidade, ademais da distribución de 85 composteiros domésticos polas diferentes parroquias para o tratamento en vivendas.

Máis concretamente, as dúas áreas de compostaxe estarán localizadas en sendas parcelas situadas nas inmediacións do barrio de Abesadas e Fontán. O propósito é que reciban a fracción de residuos orgánicos dos domicilios nun radio de 500 metros. Tamén se empregarán restos de desbroces, podas e céspede tanto das hortas e xardíns de propiedades particulares como os procedentes dos parques e xardíns municipais no radio de afección do centro de tratamento comunitario: este material residual procedente de parques e xardíns empregarase como material estruturante.

O proxecto tamén inclúe a compostaxe doméstica en 85 vivendas, tanto do núcleo urbano como do resto de parroquias, que dispoñan de terreo para a instalación dun composteiro e reutilización do compost producido. Así, distribuirase entre os veciños participantes os materiais necesarios (compostador, aireador, etc.) e impartiráselle a formación adecuada para a elaboración do compost a partir da fracción orgánica xerada nos seus domicilios e que empregarán como no propio xardín ou horta particular

Inscricións

Como primeiro paso e baixo o eslogan “Dálle vida ao teu lixo”, iníciase unha campaña de captación de usuarios aos que se lles proporcionará formación no manexo do recipiente a través dunhas xornadas non presenciais (para reducir os riscos asociados ao covid-19). As persoas interesadas poden inscribirse ben no 981 972 530 ou ben no email compostaxe@ribeira.gal.

O proxecto conta cunha subvención de 59.998,60 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ao abeiro da Orde do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021.