O concello oferta saídas en veleiro pola Ría de Arousa, rutas ata Pedra da Ra e Castro da Cidá e visitas polo Centro de San Roque

No ánimo de contribuír a que veciños e visitantes disfruten dos atractivos de Riveira e o seu entorno, o Concello vén de organizar unha programación de actividades para este mes de agosto que inclúe saídas en veleiro pola ría de Arousa, rutas á pé ata o miradoiro de Pedra da Ra e Castro da Cidá e visitas guiadas polo Centro de Intepretación Arqueolóxica de San Roque.

Esta oferta foi presentada  por Ramón Doval, concelleiro de Turismo, quen salientou que as devanditas accións están incluídas no Plan Estratéxico para o Desenvolvemento Turístico de Riveira 2016-2020 e que é intención do Executivo seguir promovendo iniciativas orientadas a aumentar o interese do municipio como destino na certeza de que isto repercutirá positivamente na economía local.

Veleiro

As rutas en veleiro “Riveira no camiño” terán lugar os días 9, 13, 16, 20, 23, 27 e 30 de agosto. O seu prezo é de 12€ agás nenos e nenas de ata 12 anos, en que prezo é de 8€. Os tickets expéndense na oficina do Malecón (horario: de 10 a 14 e de 17 a 21 horas todos os días excepto os mércores). Trátase de singraduras de entre 90 e 120 minutos de duración, con saída e chegada ao Club Náutico local. No transcurso da viaxe se explicará a ría e a riqueza das súas augas e mesmo o funcionamento dunha batea.

En cada xornadas realízanse dúas rutas pola mañá (ás 11 e ás 12.30 horas) e dúas pola tarde (ás 17 e ás 18.30 horas). O capacidade da embarcación permite ata un máximo de dez pasaxeiros.

Pedra da Ra e Castro da Cidá

En canto ás rutas a pé ata o miradoiro da Pedra da Ra e Castro da Cidá, celebraranse cada venres de 10.30 a 12.30 horas (grupo mínimo: 8 persoas). Son gratuítas e con este acción aqueles que se animen a participar poderán disfrutar dun miradoiro multipremiado tras a súa recente remodelación, con vistas á ría de Arousa, o parque dunar, o arquipélago de Sálvora etc… Ademais, na cima do Castro da Cidá atópase un xacemento con máis de 2.500 antigüidade que xa foi obxecto de dúas escavacións na presente década e está en proxecto unha terceira grazas a unha subvención outorgada pola asociación Deloa.

Centro de Interpretación

Por último, as visitas guiadas polo Centro de Interpretación Arqueolóxica de San Roque terán lugar de martes a domingo ás 20 horas. Tamén son gratuítas e non é necesario facer reserva nin ter un mínimo de persoas. Inclúe a contemplación da exposición permanente “A pegada e o reflexo”, dedicada á prehistoria. A visita pódese contemplar co percorrido polos sendeiros do parque periurbano.

Máis información de estas iniciativas no teléfono 981 873 007 ou no correo electrónico turismo@riveira.com.