O Concello pavimentará o acceso secundario ao Hospital do Barbanza que parte dende o lugar de Salmón

A xunta de goberno local do Concello de Riveira aprobou esta mañá unha nova actuación consistente na pavimentación do camiño de acceso ao Hospital da Barbanza que parte dende o lugar de Salmón, un vial moi frecuentado por veciños e veciñas que desexan chegar ata o centro sanitario.

A mesma obra inclúe tamén o asfaltado doutro camiño situado na parroquia de Oleiros e que se sitúa na zona coñecida como Pereiras.

A actuación foi adxudicada á empresa Canarga por un importe de 23.147,95 euros, IVE incluído e realízase con cargo ao remanente de tesourería aprobado polo pleno no pasado mes de xullo.

Ambas vías, hoxe moi deterioradas, serán pavimentadas cunha capa de aglomerado asfáltico en quente. A que dá acceso ao hospital ten unha lonxitude de 333 metros, en tanto que a de Pereiras, de 295 metros.

O prazo de execución é dun mes.