O Concello reedita en facsímil o libro “Pandemonium” de Manuel Lustres Rivas co gallo dos cen anos da súa publicación.

O Concello de Riveira vén de reeditar en edición facsimilar o libro “Pandemonium”: compilación de ensaios que o xornalista riveirense Manuel Lustres Rivas publicou fai exactamente un século.

Trátase dunha reprodución idéntica á que o autor publicou no 1917 nunha imprenta de Vilagarcía e que hoxe era virtualmente inatopable.

A obra, da que se tiraron 1.000 exemplares, será presentada o vindeiro 3 de marzo no Centro Cultural Lustres Rivas nun acto que terá lugar a partir das 20.30 horas e contará coas intervencións do xornalista Xosé María Fernández Pazos, coordinador da edición, e do alcalde Manuel Ruiz Rivas. O acceso é libre.

Cada asistente recibirá un exemplar desta obra na que ao longo de 88 páxinas se destila a fina prosa dun dos intelectuais máis sobranceiros do municipio, que fora represaliado en 1936 tras ser detido en Vigo onde traballaba como xornalista. Dende 1986 é fillo predilecto da cidade.

 

pandemonium