Alcaldía

Benvida do Alcalde

INTERVENCIÓN DE MANUEL RUIZ RIVAS CON MOTIVO DA SÚA INVESTIDURA COMO ALCALDE DE RIVEIRA

Investidura alcaldeSeñoras e Señores Concelleiros, Alcaldes que o foron da nosa vila, autoridades, fillos adoptivos, veciños que tivestes a ben acompañarnos e arrouparnos coa vosa presenza:

Creo que hoxe cobran aínda máis, se cabe, as palabras pronunciadas fai catro anos neste mesmo acto que hoxe estamos  celebrar:

“O pobo fai moito máis que poñer e sacar gobernantes, o pobo a través do seu voto expresa sentimentos, esperanzas, ilusións individuais e colectivas e o noso deber, a nosa responsabilidade como políticos e mirar moito máis alá das frías estatísticas, do número de votos que dan ou quitan maiorías, temos que ser quen de comprender os nosos veciños, as súas inquedanzas, as súas preocupacións, saber porque seguen crendo en nós, ou porque, pola contra, nos teñen como un mal necesario ou simplemente nos dan as costas”.

É por isto que debemos agradecer a súa implicación a todos os riveirenses que quixeron participar coa súa presenza e voto na festa da democracia que como cada catro anos se celebrou esta vez o pasado 24 de maio, pero debemos facer unha profunda reflexión, comezando por eu mesmo, polo meu grupo, do que considero o noso primeiro fracaso colectivo, como supón o feito de que o 40,85% dos riveirenses con dereito o voto, é dicir, 8.995 persoas nos desen as costas quedándose na súa casa. Temos a obriga de tentar integrar a todos eles nese proxecto colectivo que se chama Riveira e que se pode e debe defender dende calquera óptica política. Favorecer ese cambio está nas nosas mans, empeza por nós, polos que aquí estamos e isto deberíanos levar a lograr a participación de todos. Ese cambio estou disposto a que comece nas institucións como a que hoxe estamos a representar; o cambio desta sociedade conséguese cando somos quen de trasladar os cidadáns o valor de aportar, de traballar para a colectividade sen esperar nada a cambio.

É por isto que as miñas primeiras palabras deben ser, unha vez máis, para expresar o meu solemne compromiso de contar con todos, de estar disposto a buscar consensos e acordos nos importantes desafíos que sen dúbida vánsenos presentar. Estou convencido de que é moitísimo máis o que nos xunta que o que nos separa, por iso debemos deixar atrás as políticas cortoplacistas para facer política con maiúsculas que implique a todos e que permita o debate enriquecedor de ideas.

Hoxe, creo que vostedes coa súa decisión repectaron a vontade maioritaria dos veciños e veciñas do noso Concello, facilitando a investidura de quen lle está a falar, o cal llo agradezo profundamente, pero tamén creo que ese primeiro paso debe completarse con outros, se cabe,  aínda máis importantes como o que supón posibilitar neste Concello un goberno estable e sen que ninguén teña que renunciar a defensa dos seus postulados programáticos.

É por isto que nesa procura ofrezo a entrada no goberno municipal a todos e cada un dos grupos que compoñen esta corporación, participación que deberá cristalizar a través dun diálogo sincero, leal, sen condicións previas pola miña parte e co recoñecemento expreso, como punto de partida, de renuncias a aspiracións propias e lexítimas do noso grupo.

Está nas súas mans recoller esta luva. Vostedes conforman a maioría e poden utilizala para impulsar proxectos comúns ou para impedir os proxectos dun goberno minoritario. Nunca o fracaso, por esta razón, dun goberno poderá ser entendido como o éxito de aqueles grupos que o propicien.

Entendo, tamén, que con esta formula estarían vostedes exercendo ese labor fiscalizador e de control que demanda a nosa sociedade e dando participación á cidadanía a través dos seus representantes lexitimamente elixidos. O noso grupo non quer fuxir, senón todo o contrario, do control e da transparencia que se debe esixir a todo representante público

Pero tamén podo afirmar aos nosos veciños que o grupo popular está preparado para gobernar en solitario se así o prefiren, xa que conto para elo cun equipo de goberno ilusionado, capaz, xoven, pero á vez con experiencia, xente preparada e disposta a facer ben as cousas, xente consciente de que traballar por Riveira merece a pena e que agora máis que nunca debemos avanzar, mellorar para seguir sendo o referente político, económico e social desta comarca.

Sendo isto así, pasarei a referirlles algunhas das nosas liñas programáticas básicas e de arranque desta nova lexislatura, na que continuaremos a  traballar para que os nosos xoves, sendo protagonistas do presente, teñan un futuro ilusionante i é por isto que pretendemos poñer en marcha novos ciclos formativos no Centro Integrado de Coroso, así como a posta en funcionamento do obradoiro de emprego e do viveiro de empresas que se está a contruír no antigo matadoiro.

A política social seguirá incrementando o seu peso e importancia nas políticas municipais e neste mesmo ano sacaremos a concurso a atención domiciliaria cun incremento na oferta que se ven prestando e que permita seguir cubrindo a demanda actual. Igualmente como complemento do plan de mobilidade do Concello sacaremos a contratación o plan de accesibilidade universal que nos poña na vangarda dos Concellos deste país e estableceremos as bases dunha sólida cooperación coas empresas de economía social, camiño que comezamos co plan de conservación de lavadoiros, rutas de sendeirismo ou co novo contrato de recollida de lixo.

Conscientes de que un dos grandes problemas deste concello, como en case todos, é o tráfico e o aparcamento, poñeremos en funcionamento este mesmo verán os dous novos aparcamentos de Abesadas e Cristobal Colón, así como lle podo anunciar que estamos interesados e traballando no rescate en boas condicións do parquin do Centenario. Dentro desta lexislatura dotaremos tamén á cidade dunha nova terminal de autobuses.

As políticas culturais e deportivas continuarán coa dotación de novos servizos e infraestruturas, como o centro social ou o campo de fútbol de herba artificial en Carreira ou dun novo espazo cultural en Castiñeiras. Tamén temos pensado propoñerlle a todos vostedes alternativas para unha nova biblioteca e auditorio municipal.

O chan industrial constitúe unha das grandes preocupacións de todos os grupos e do sector industrial deste Concello e por elo que pensamos de xeito inmediato, co acordo do empresariado local, comezar a xestión para desenvolver un fase do plan parcial de Xarás, de xeito que podamos poñer a disposición das novas empresas alomenos 20.000 m2 no próximo ano, así como esixir dos propietarios de chan industrial de licenza directa a posta a disposición deses terreos aos interesados en crear emprego. Asuntos ambos os dous que serán debatidos no pleno do Concello e do que informarei polo miúdo aos grupos nos próximos días

Temos, igualmente, que defender o noso sector produtivo básico, o mar, con uñas e dentes se fose necesario, na procura de que a nova lonxa teña o rédito social e económico que o sacrificio das arcas públicas nos esixe.

Anúnciolles tamén que no mes de outubro traeremos unha proposto a este pleno consistente na conxelación para 2016 dos impostos directos municipais.

Continuaremos, como ata agora, a potenciar o nosos recursos turísticos. Tamén lles propoño a todos os grupos que cambiemos a forma de xestionar o turismo a través da fórmula profesionalizada que teña máis consenso deste pleno e que podería consistir nunha xerencia de turismo que dea virtualidade ás inquedanzas dun padroado municipal de turismo que englobe a todos os sectores implicados.

Gustaríanos igualmente dotar a este Concello de novos pulmóns verdes potenciando e ampliando o parque de San Roque e poder actuar na Garita.

Nos lles quero cansar con mais propostas, pero considero de suma importancia falar da participación cidadá, de como mellorala e continuar pola senda emprendida co novo regulamento orgánico municipal ou cos consellos locais de pesca ou educación, por poñer algunha das accións xa emprendidas. Así, traeremos unha proposta a todos os grupos dun regulamento de participación veciñal e poñeremos en funcionamento o servizo de atención cidadá e o portal de transparencia municipal no que xa levamos traballando algún tempo.

Sei, por experiencia propia, que a toma de decisións pode esixir sacrificios, e que non sempre son comprendidas ou que lonxe de producir réditos políticos producen proído na xente, pero cando sexan necesarias en beneficio de Riveira non me tremerá o pulso. Iso si, estou disposto a levalas adiante con diálogo e participación, pero tamén con firmeza e determinación para que vexan a luz sen demoras innecesarias.

Señores e Señoras Concelleiras: reitero o meu firme compromiso con este pobo, manifestado no meu sincero ofrecemento a que calquera grupo poda entrar sen condicións previas pola miña parte no Goberno de Riveira e, se así non fose, a facilitar as fórmulas que doten a este Concello do goberno estable que este pobo merece e necesita. Apelo a súa responsabilidade nesta procura .

Remato, pero non quixera facelo sen dicir que estes catro anos vanme permitir, sen ningunha dúbida, sen as intoxicacións e infamias interesadas que nesta pasada lexislatura se produciron, limpar e dar lustre a dous apelidos que como todos os que o levan foron exemplo de humildade, honestidade e bonhomía. Eses dous apelidos son os que herdei do meu pai e a miña nai.

Viva Riveira, Nai e Señora.