O Grupo Municipal de Teatro debutará nesta nova etapa coa representación de “Cousas“ de Castelao no Auditorio de Riveira.

O Grupo Municipal de Teatro de Riveira comezou no pasado mes de decembro unha nova andadura con Óscar Romero como director e xa está en disposición de estrear a súa primeira obra: “Cousas”, baseada no libro de Castelao, que se representará o sábado 29 de setembro ás 21.30 horas no Auditorio Municipal.

Para a presentación da actuación estiveron no Centro Cultural Lustres Rivas a concelleira Herminia Pouso, Óscar Romero, o seu antecesor Chiki Durán que quixo acompañalos no acto, e parte do elenco que se subirá ás táboas para participar nunha función que servirá ademais de arranque oficial para unha nova edición da Mostra de Teatro de Riveira.

“Cousas” foi precisamente o primeiro texto co que o grupo iniciou a súa andaina hai xa 21 anos. A entrada para esta función será gratuíta, previa retirada da mesma dende media hora antes no propio Auditorio e entregándose un máximo de 2 entradas por persoa ata encher aforo. Na posta en escena da obra participarán, dun ou doutro xeito, as 29 persoas que forman parte do actual grupo de teatro municipal.

De xira

Despois da estrea na nosa cidade o Grupo Municipal de Teatro de Riveira iniciará unha xira con este espectáculo por outras vilas e cidades da provincia a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Así, o sábado 6 de outubro actuarán en Rianxo, o 4 de novembro en Narón, o 10 de novembro en Porto do Son e o 18 de novembro en Boqueixón quedando abertos a novas actuacións que poidan ser solicitadas a curto prazo.

Os participantes na presentación animaron á cidadanía a achegarse ata o Auditorio para ver o espectáculo, cuxo cartel foi deseñado por Olegario Sampedro e no que os actores e actrices aparecen no material promocional cos seus alcumes de acordo coa tradición da época á que pertence a obra de Castelao.

Grupo infantil

Por outra parte, Herminia Pouso avanzou que o Concello proponse poder retomar tamén o Grupo Municipal de Teatro Infantil, orientado a nenos e nenas de 7 a 11 anos, e a tal efecto abrirase un prazo de preinscrición entre mañá venres e o 30 de setembro. De lograr que haxa un mínimo de 10 alumnos apuntados, os ensaios terán lugar no Auditorio os mércores de 18.30 a 20 horas.