O luns día 8 de xaneiro retomaranse as obras de pavimentación no entorno de Rosalía de Castro, Rúa Galicia e Cristóbal Colón.

O Concello de Riveira informa de que tal e como estaba previsto e unha vez concluída a época navideña, as obras para proseguir a pavimentación e peonalización no entorno de Rosalía de Castro, rúa Galicia e Cristóbal Colón vanse retomar o luns día 8. A tal efecto, voltarase a pechar ao tráfico rodado o acceso habilitado dende o Malecón cara á igrexa parroquial.

Cómpre lembrar os cambios no sentido da circulación efectuados durante a primeira fase para ofrecer novas alternativas aos condutores:

  • Na rúa Mariño de Rivera, que agora vai en dirección avenida Miguel Rodríguez Bautista dende a praza do Concello.
  • Na travesía Canarias, que desemboca na rúa Canarias.
  • Na rúa de Lugo, que sube dende a praza do Concello en dirección ao Monumento.

En canto aos garaxes afectados, dependendo da súa ubicación os condutores deberán acceder ben pola praza de Compostela, ben pola rúa de Galicia dende o mercado, ben pola praza do Concello ou ben dende o Malecón.

As obras foron adxudicadas á empresa Nemesio Ordóñez S.A., por un importe de 119.472,63 euros, IVE incluído. A actuación está incluída no POS+ 2017 da Deputación e consiste na creación dunha plataforma única en todo o ancho dos tramos afectados, pertencentes ás rúas Rosalía de Castro, Galicia e Cristóbal Colón. Como materiais empregaranse formigón pulido, lousas de granito e adoquín de granito dependendo do entorno.