O MEU ENTROIDO É O MELLOR!

En 2019 o Concello de Riveira celebrou o seu Entroido do 1 ao 10 de marzo cun variado programa de actividades coas que se pretende fomentar a participación e a implicación da cidadanía nestas festas tan singulares e de especial tradición e arraigo. O Entroido é unha data sinalada no calendario festivo do municipio riveirense, cunha programación estable cada ano e que se converte nun referente na comarca da Barbanza.

Durante esas datas a área municipal de Cultura prepara un amplo programa de actividades, que van dende as propostas infantís de conciliación, inchables ou obradoiros ata concursos de disfraces en colaboración coa hostalería da cidade, animación de rúa e sesións de bailes para os maiores.

Porén, o Entroido de Riveira conta con dous eventos singulares que o fan diferenciarse doutros entroidos da contorna como son o Festival de Murgas e Comparsas e o Enterro do Felipe. Ambos son eventos consolidados e que atraen a numeroso público tanto do municipio como de concellos veciños.

O Festival de Murgas e Comparsas é un evento arraigado na cidade con máis de medio século de historia. Neste festival toman parte agrupacións procedentes tanto do municipio como doutras localidades para amosar ao público enriba do escenario as súas creacións musicais e tamén a súa vestimenta, creada en moitos casos para este evento.

Un xurado de expertos é o encargado de avaliar e puntuar aos participantes nos apartados de maquillaxe e perruquería, vestiario, letra e música e artes escénicas e caracterización; mentres que unha persoa escollida entre o público realizará as súas valoracións en representación dos asistentes. A retranca, o humor e o sarcasmo son as sinais de identidade nas letras compostas para o Festival e que abranguen temas tan diversos como a actualidade política, a vida social ou o mundo do corazón a nivel internacional como do ámbito local.

Pola súa banda, o Enterro do Felipe, un dos últimos actos do Entroido riveirense, cobra un significado especial xa que se vincula coa lenda local mariñeira que conta a historia dun casanova que aproveitaba a ausencia das súas casas dos mariñeiros para conquistar as súas donas deixando descendencia en cada fogar; os pescadores decidiron escarmentalo cruelmente facéndoo desfilar pola cidade cun regueiro de mulleres loucas de amor e dor pola súa perda para logo queimalo na fogueira no lugar de Bandaourrío, orixe mariñeira da cidade de Riveira. A despedida deste personaxe ten gran acollida ao reunir a pequenos e maiores que acompañan ao finado polas diferentes rúas ata a Praza de Pontevedra para darlle o seu derradeiro adeus. A continuación degústanse produtos típicos, exaltando e promocionando a cultura gastronómica destes días.


GALERÍA DE IMAXES DO ENTROIDO EN RIVEIRA