Plan REACTIVA RIBEIRA


O Grupo Municipal do Partido Popular, o Grupo Municipal do PSdG-PSOE, o Grupo Municipal do BNG e Suma Ribeira,

 Expoñen:

Ribeira non é allea aos problemas de índole sanitaria que afectan ao conxunto da sociedade española e que transcenden fronteiras para converterse nun problema para a humanidade enteira.

O impacto da pandemia está sendo brutal para as familias españolas que perderon xa máis de 22.000 persoas.

No afán de evitar que a traxedia se propagase, o Goberno viuse obrigado a decretar o estado de alarma. Os efectos do confinamento esténdese, así, aos ámbitos social, laboral e produtivo da nosa cidade e do noso municipio.

Cremos que é o momento para a unión das administracións públicas e da sociedade civil para que entre todos se poidan promover medidas que axuden a paliar as terribles consecuencias na nosa economía e no deterioro da calidade de vida dos nosos cidadáns; ninguén debe quedar atrás.

É o momento que toda a sociedade espera para que se deixen atrás diferenzas ideolóxicas ou políticas e que se impoña o ben común, o interese xeral.

É o momento de poder axudar na medida das nosas posibilidades, sen poñer en perigo o noso futuro tamén incerto. É o momento de tomar medidas que non só axuden á emerxencia actual senón que establezan unhas bases sólidas de actuación para o futuro.

Debemos intentar que ninguén quede atrás pero debemos intuír que o futuro nos agarda con novos desafíos que nos deben coller mellor preparados para superalos.

Por iso, dende a responsabilidade de quen ostenta a representación cidadá, o Concello de Ribeira propón un gran pacto para a reactivación económica e social da nosa cidade e do noso municipio na que non só estean representados os grupos políticos senón unha ampla representación dos seus axentes sociais e económicos.

Froito deste plan, o Concello de Ribeira incrementará os fondos ou recursos habituais dos seus orzamentos en 1.500.000 € en medidas específicas COVID-19, con cargo ao Remanente de Tesourería, que xunto coa reorientación dos Orzamentos Municipais para o ano 2020,conformarían o Plan Marco de Medidas REACTIVA RIVEIRA, cunhas previsións definitivas consolidadas de aproximadamente 38.378.293,68 euros. E todo isto, sen poñer en perigo a propia economía local, tal como se ten acordado no máximo órgano da FEGAMP e polos 4 Alcaldes da Mancomunidade Barbanza Arousa, e que tan necesaria pode ser para ese futuro incerto.

A este esforzo, deberían sumarse os fondos procedentes da Deputación da Coruña, Xunta e o Goberno do Estado, no obxectivo común da reactivación da nosa sociedade.

Os piares deste plan deben ser as necesidades de sustento persoal e económico dos nosos cidadáns, encamiñándose, pois, á axuda de emerxencia social das persoas máis vulnerables, afectados por despido ou ERTE, aos autónomos, comerciantes, hostaleiros e pemes. En definitiva, a todos aqueles que viron suspendida ou reducida a súa actividade.

Por todo isto, os baixo asinantes propoñemos como compromiso común unha serie de accións que conforman o PLAN MARCO REACTIVA RIBEIRA, #EURIBEIRA, con polo menos as seguintes medidas:

 

PLAN MARCO DE MEDIDAS REACTIVA RIBEIRA

 

  1. MEDIDAS FISCAIS E TRIBUTARIAS.As medidas fiscais e tributarias supoñen unha minoración nos ingresos municipais estimada 152.000 euros.

Contempla os seguintes escenarios:

1.1- IBI (imposto sobre bens inmobles)*:

  • Aprazamento de 3 meses no cobro do imposto, ampliación da data de pago ata o 20 de febreiro de 2021.
  • Fraccionamento do pago do imposto en 3 prazos, sen xuros, para os recibos domiciliados.

* medidas suxeitas a aprobación pola Deputación da Coruña, por ter delegada a xestión do imposto.

1.2- IAE (imposto de actividades económicas)**:

  • Aprazamento de 3 meses no cobro do imposto, ampliación da data de pago ata o 20 de febreiro de 2021.

** medida suxeita a aprobación pola Deputación da Coruña, por ter delegada a xestión do imposto.

 1.3- IVTM (imposto de vehículos de tracción mecánica):

  • Aprazamento de 2 meses no cobro do imposto, ampliación da data de pago ata o 15 de xullo de 2021.

1.4- Taxas de auga, lixo e saneamento do 4º trimestre de 2019:

  • Aprazamento de 1 mes no cobro da taxa, ampliación da data de pago ata o 15 de maio de 2020.

1.5- Taxas pola ocupación do dominio público por mesas e cadeiras, e demais concesións.

  • Exención do pago do recibo durante o tempo que non se puido ocupar o domino público como consecuencia do Estado de Alarma. A minoración económica estimada alcanza os 12.000 euros.

A ordenanza de mesas e cadeiras queda suspendida durante o ano 2020 polo que non se procederá o seu cobro.

1.6- Taxas de deportes e ocupación de terreos con postos de venda ambulante.

  • Devolución da taxa cobrada ou readecuación do pagado a outro mes, como consecuencia do estado de alarma. A minoración económica estimada alcanza os 100.000 euros.

1.7- Estacionamento limitado (zona azul).

  • Suspensión temporal da vixilancia e/ou posibles sancións do estacionamento limitado (zona azul) durante a vixencia do estado de alarma ata o día 18 de maio. A minoración económica estimada alcanza os 40.000 euros.

1.8- ICIO (Imposto sobre construcións, instalacións e obras):

  • Bonificacións de ata o 95% nas licencias de obras novas nos locais afectos ao exercicio dunha actividade económica vinculadas ao fomento de emprego.

1.9- Bonificacións a familias numerosas:

  • IBI: bonificacións de ata o 55%.
  • Cota de depuración: bonificacións no recibo do 50%.
  • Taxas deportivas: bonificacións de ata O 50%.
  • Escola infantil: bonificacións de ata o 83,50%.
  • RIBEIRA MOVe: bonificacións de ata o 100% no custe do transporte aos centros escolares para o 3º fillo e seguintes.

1.10- Bonificacións a familias en situación de vulnerabilidade:

  • Cota de auga potable: bonificacións no recibo do 50%.
  • Cota de saneamento: bonificacións no recibo do 50%.
  • Cota de depuración: bonificacións no recibo do 50%.
  • Taxas deportivas: bonificacións de ata o 57%.
  • Escola infantil: bonificacións de ata o 100%.
  • Axuda no fogar e dependencia: bonificacións de ata o 100% no copagamento.
  • No próximo período fiscal os grupos asinantes comprométense a estudar novas bonificacións que non comprometan a autonomía financeira e o equilibrio orzamentario do Concello.
  1. MEDIDAS NO COMERCIO LOCAL.

As medidas de apoio ao comercio local cuantifícanse inicialmente cunha previsión económica de 360.000 euros.

Contempla os seguintes escenarios:

2.1- Campaña de dinamización en apoio do comercio local: #EuRibeira, "Entre todos coidamos Ribeira", cunha previsión de gasto inicial de 50.000 euros , no que se poida vender a marca de Ribeira turismo, Ribeira comercio, Ribeira peixe, etc

2.2- Campaña "Concurso AnimArte”, para compras exclusivas no comercio local. Conta cunha previsión de gasto inicial de 20.000 euros.

2.3- Convocatoria de axudas para a mellorar a competitividade e innovación do comercio local, dirixidas a achegar recursos ao comercio local para a adecuación física dos locais, TICs e outras innovacións (plataforma para a venda online), e para a realización de campañas de comunicación en lingua galega. Conta cunha previsión de gasto inicial de 150.000 euros.

 2.4- Colaboración coas campañas de comercio local coa Asociación de Empresarios de Ribeira. Conta cunha previsión de gasto inicial de 25.000 euros.

2.5- Campaña “Ribeira Protéxete”, para dotar a todo o comercio local de biombos  e outros elementos de protección ante o COVID-19, cunha previsión de gasto de 20.000 euros.

2.6- Campaña “Actualización hostalería”, para a mellora da calidade e competitividade do sector hostaleiro local mediante cursos de formación na Escola de Cociña de Ribeira, cunha previsión de gasto de 15.000 euros.

2.7- Campaña "Innova-Formación”, convocatoria de axudas a estudantes para a adquisición de equipos informáticos para o acceso as novas tecnoloxías mediante compras exclusivas no comercio local. Conta cunha previsión de gasto inicial de 30.000 euros.

2.8- Reforzo do programa de Comercio a través do orzamento xeral do Concello 2020, cunha dotación inicial de 50.000 euros, para a realización e promoción de campañas.

2.9- RIBEIRA MOVe, fomento do transporte público, ampliando as axudas ao transporte, e o compromiso do estudo e implantación , no seu caso, negociando a inclusión de transbordos en todo o termo municipal, implantando la posibilidade de carga de vehículos eléctricos.

  1. MEDIDAS DE PROMOCIÓN DO EMPREGOAs medidas de promoción do emprego cuantifícanse inicialmente cunha previsión económica de 1.397.000 euros.

 Contempla os seguintes escenarios:

3.1- Creación dun "Programa de mellora na formación e cualificación profesional", con accións formativas online destinadas a 1.000 persoas de maneira gratuíta. Incluirá unha oferta de máis de 4.600 horas distribuídas en 83 cursos formativos certificados, nos sectores e especialidades do tecido comercial e industrial do Concello de Ribeira. Conta cunha previsión de gasto inicial de 25.000 euros.

3.2- Ampliación do programa do servizo de Orientación de Emprego Local, co impulso de accións de información, intermediación e orientación laboral en colaboración co tecido comercial e industrial do Concello de Ribeira. Conta cunha previsión de gasto inicial de 70.000 euros.

3.3- Programas de contratación temporal directa polo Concello de Ribeira en colaboración ca Xunta de Galicia e pendente de confirmación. A través dos mesmos, está prevista a contratación dun total de 51 persoas desempregadas, a través de obradoiros de emprego, e diversos plans de fomento de emprego para persoas desempregadas e/ou vulnerables. Conta cunha previsión de gasto inicial de 920.000 euros.

3.4- Programas de contratación temporal directa polo Concello de Ribeira:

  • Contratación de 12 persoas desempregadas para a conservación de beirarrúas, infraestruturas e mobiliario urbano. Conta cunha previsión de gasto inicial de 150.000 euros e dedicando dúas persoas ao plan Reverdecer Ribeira.
  • Contratación de 12 persoas desempregadas para auxiliares de policía local. Conta cunha previsión de gasto inicial de 150.000 euros.
  • Contratación de 5 persoas desempregadas para o GAEM de apoio a emerxencias. Conta cunha previsión de gasto inicial de 32.000 euros.
  • Contratación de 1 persoa desempregada para o desenvolvemento do Plan de Turismo de Ribeira. Conta cunha previsión de gasto inicial de 20.000 euros.
  • Contratación de 1 persoa desempregada para o programa “Actualización hostalaría” para impartir cursos de cociña. Conta cunha previsión de gasto inicial de 10.000 euros

3.5- Programa de becas de formación a través dun convenio co FEUGA, cunha dotación inicial de 15.000 euros dirixidas fundamentalmente a titulados de los sectores del área social y cultural.

3.6- Ampliación do “Programa de mellora na formación e cualificación profesional", con accións formativas online destinadas a 300 persoas afectadas polo COVID-19 de maneira gratuíta.Incluirá unha oferta de máis de 80 cursos formativos certificados, nos sectores e especialidades do tecido comercial e industrial do Concello de Ribeira.Conta cunha previsión de gasto inicial de 5.000 euros.

3.7 O anterior programa verase incrementado con 50 prazas dedicadas a autónomos e comerciantes sobre saúde laboral e covid 19.

  1. MEDIDAS DE PROMOCIÓN ECONÓMICA.As medidas de Promoción Económica cuantifícanse inicialmente cunha previsión económica de 795.000 euros.

 Contempla o seguinte escenario:

4.1- Liña de axudas directas, dotada cun orzamento de 700.000€, para todo o tecido industrial do Concello de Ribeira: autónomos, comerciantes e pemes que se viran obrigadas a pechar ou que visen reducida drasticamente a súa actividade como consecuencia do Estado de Alarma.

 4.2- Programa de axudas extraordinarias para os afectados polo COVID-19, cunha previsión económica de 95.000 €, financiados en parte co POS+ Adicional da Deputación da Coruña.

4.3- Creación do servizo de atención as actividades económicas afectadas polo COVID-19

  1. MEDIDAS DE PROMOCIÓN SOCIAL.

As medidas de Promoción Social cuantifícanse inicialmente cunha previsión económica de 1.040.627,71 euros.

 Contempla os seguintes escenarios:

 5.1- Incremento do orzamento destinado a Axudas de Emerxencia en 100.000 € para as persoas máis desfavorecidas, persoas en situación de exclusión social, compra de alimentos e produtos de 1ª necesidade, así como axudas ao aluguer de vivenda para persoas que como consecuencia do COVID-19 teñan dificultades económicas. En calquera caso, destinarase todo o orzamento necesario ao longo do ano para este tipo de axudas.

5.2- Incremento de 30.000 € para concesión de axudas á escolarización (comedor escolar e material didáctico e conexión a internet).

 5.3- Incremento de 3.630 horas adicionais para o servizo de axuda no fogar como consecuencia do COVID-19. Estas horas se sumarán ás xa existentes que se cifran nun total de 63.500 horas, tal e como se reflexa no expediente de contratación do servizo de axuda no fogar e dependencia aprobado polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o 23 de agosto de 2019, así como as 8.210 horas desempeñadas polas empregadas municipais de axuda no fogar. Conta cunha previsión de gasto inicial de 910.627,71euros.

5.4-  As axudas de emerxencia social e de todos os gastos de índole social en xeral reducíranse os prazos de tramitación.

 5.5- Compra masiva de alimentos e produtos de 1ª necesidade para entrega directa ás organizacións encargadas de atender a persoas en situación de necesidade.

5.6- Xestión e canalización de entrega de doazóns procedentes de empresas do municipio a ongs locais.

5.7- Apoio ao instituto de mediación educativa de ribeira (imer) na atención por videoconferencia de alumnado de ESO, bacharelato, FP e FP básica por parte de profesionais da psicoloxía.

5.8- O Concello reorganizará as actividades do verán, tales como campamentos, escolas deportivas e outras para facilitar xunto coa gardería a conciliación da vida familiar e laboral.

  1. MEDIDAS DE FOMENTO DA OBRA PÚBLICA

As medidas de Fomento da Obra Pública cuantifícanse inicialmente cunha previsión económica superior aos 8.500.000 euros.

Contempla os seguintes escenarios:

 6.1- Plan de impulso da licitación de nova obra pública cun importe total de 7.000.000 euros.

6.2- Reanudación das obras xa contratadas cun importe de 1.569.000 euros.

6.3- Consignación orzamentaria polo importe de 50.000 € para a redacción do proxecto do polígono Industrial , así como a axilización do mesmo.

  1. MEDIDAS INNOVACIÓN TECNOLÓXICA

As medidas de Innovación Tecnolóxica, con fondos EDUSI, cuantifícanse inicialmente cunha previsión económica superior aos 263.000 euros.

Contempla os seguintes escenarios:

7.1- Implantación inmediata dunha nova APP que concentre todos os servizos municipais, toda a comunicación institucional, xestor de incidencias e xeolocalización do comercio e restauración local.

7.2- Remodelación da páxina web municipal para facela mais sinxela, intuitiva, funcional e dinámica, coordinada coa nova APP para que toda a cidadanía teña coñecemento de toda a programación de ribeira.

7.3- Redacción da estratexia dixital do Concello de Ribeira.

7.4- Potenciación do teletraballo.

7.5- Celebración dos órganos colexiados telematicamente.

7.6- O teu Concello aberto os 365 días = 24 x 7. Facilitando os trámites para unha maior axilización das licencias de apertura e actividade.

7.7-Creación da aplicación Ribeira shopping, que funcione como promoción e venta de produtos do comercio local, que puidese aproveitar plataformas de ámbito comarcal de ser interese dos comerciantes locais.

              8.-MEDIDAS PREVENTIVAS

As medidas Preventivas cuantifícanse inicialmente cunha previsión económica de 105.282,56 euros.

Contempla os seguintes escenarios:

8.1- Medidas preventivas a tomar ante un posible rebrote do COVID-19, financiadas en parte co POS+ Adicional da Deputación da Coruña.

8.2- Reparto en tódolos domicilios de máscaras e protectoras.

8.3- Reparto de mamparas de protección e pantallas faciais nos establecementos comerciais de todo o municipio.

             9.- ACORDOS VARIOS E OUTRAS ADMINISTRACIÓNS.

 9.1- Administración do Estado

 Solicitamos do goberno do Estado un trato similar o que lle está dando as CCAA, e nese sentido creemos necesario flexibilizar o uso de remanente  e do mesmo xeito que fixo coas autonomías creemos necesario que a participación dos tributos do Estado para o ano 2021 se manteña en cifras similares as actuais aplicando as formulas que en dereito procedan para levar a cabo esta medidas

 9.2-Taxas portuarias e costas do estado.

 Creemos necesario que por parte do ente administrativo Portos de Galicia , se apliquen as formulas legais para eximir do pago as taxas por ocupación de dominio publico de cadeiras e mesas durante o tempo que os establecementos estiveron pechados e de igual modo se estableza unha redución da taxa mentres sigan tendo restricións na súa actividade.

Do mesmo xeito Portos de Galicia estude e no seu caso implemente  por todas as vías legais unha compensación ou rebaixa as empresas de servizos, industriais e comerciais afectadas polo estado de alarma radicadas en terreos portuarios, tales medidas terán en conta, tamén, ás empresas dedicadas o turismo, así como o amarre das listas III e VII.

Dada a perda que sen dúbida terán as actividades de verán que se desenrolan en terreos de dominio público competencia de costas do Estado, este debería aplicar exención, bonificación ou rebaixa nas taxas a aplicar. As mesmas medidas deberían aplicarse a estes establecementos situados en zonas de servidume competencia da Xunta de Galicia.

9.3-  Negociar co Amtega a mellora da conexión e velocidade do acceso a banda ancha en todo o termo municipal.

9.4- Axudas ao sector cultural

 Procurarase na medida do posible a reprogramación de actos antes que a súa suspensión definitiva, dando prioridade e especial atención os grupos, asociacións e artistas locais e acelerando a construción do novo auditorio e de usos múltiples , así como a nova biblioteca municipal, a casa de cultura de Carreira e as actuacións na casa da cultura de Corrubedo.

9.5- Medidas que favorezan a mobilidade.

 Unha das leccións que amosa esta pandemia é a necesidade de seguir ampliando e mellorando as zonas peonís dando preferencia as persoas sobre os vehículos, a tales efectos a comisión de peonalización  adquire unha importancia capital para a adopción de medidas tales como a posta en funcionamento de forma inmediata do control de matrículas para o acceso as rúas peonís, as axudas a o aparcamento, a ampliación de aparcadoiros disuasorios, a duración ou ampliación da zona azul, as campañas do uso da bicicleta facilitando ademais o seu uso con mais aparcabicis.

Igualmente deberíase actuar de xeito inmediato na colocación de carteis de metro minuto que animen a percorrer os traxectos a pe.

Poñer en marcha as reordenacións de tráfico aprobadas polo pleno do Concello

Este Plan nace coa intención do sentir maioritario do Pobo, polo que se dará coñecemento do mesmo para o seu refrendo as forzas sociais e políticas que non teñen representación nesta Corporación 2019-2023.

Na Casa Consistorial de Ribeira, a 23 de Maio de 2020