Programa de Dinamización Social e Cultural dos nosos Maiores do Concello de Ribeira

As anotacións estarán dispoñibles a traves desta páxina, e na Oficina de Atención Cidadá do Concello de Riveira, a partir das 9:00h. do día 6 de setembro

Un novo curso do Programa de Dinamización Social e Cultural dos nosos Maiores bota a andar con significativas novidades respecto a anos anteriores que foron dadas a coñecer hoxe pola concelleira de Servizos Sociais, Ana Ruiz, e a edil de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro.

Unha delas consistirá en que, a diferenza de edicións anteriores nas que as distintas inscricións tiñan lugar no departamento de Servizos Sociais, na Oficina de Deportes da Fieiteira ou no Centro Cultural Lustres Rivas, dependendo da natureza do obradoiro, neste curso 2019-2020 todas as inscricións terán lugar na Oficina de Atención Cidadá da Casa Consistorial, onde haberá un traballador especificamente encargado de xestionar este labor.

Posibilidade de inscrición online

Ademais, no ánimo de facilitar incluso que as persoas se anoten dende casa, habilitarase un apartado na páxina web do Concello (www.riveira.gal) para que todas as persoas maiores familiarizadas coas novas tecnoloxías, ou que teñan a alguén cercano que poida axudarlle scon trámite, poidan formalizar a súa participación telematicamente. En ambos casos o prazo de inscrición abrirá mañá.

Segundo manifestaron ambas edís, as previsións apuntan a reunir máis de 600 veciños e veciñas do municipio entre todos os obradoiros previstos.

A este respecto, haberá talleres de memoria en todas as parroquias impartidos polas psicólogas Ángeles Pazos e Nieves Sobrido; obradoiros de reforzo educativo ofrecidos por voluntariado social en Aguiño, Palmeira e Riveira (con posibilidade de ampliar a outros sitios se hai demanda); curso de lingua e cultura galegas no Lustres Rivas con Alicia Padín, responsable do Servizo Municipal de Normalización Lingüística; ou ximnasia de mantemento en todas as parroquias.

Informática e artes plásticas

Ademais, polo seu carácter terapéutico, o obradoiro de artes plásticas que ofrece o profesor e artista Fernando Yáñez no Espazo Xuvenil (primeira planta do mercado) amplíase, pasando dos tres meses anteriores a un total de oito –de outubro a maio—. E para concluír, haberá por primeira vez clases de informática para maiores dentro deste programa de dinamización: será na Aula CeMIT.

Tanto Ana Barreiro como Ana Ruiz animaron aos maiores do municipio a que se inscriban nalgunha destas propostas para seguir tendo unha vida rica e socialmente activa. O programa tamén conta coa colaboración das áreas de Educación e Deportes.

Concelleira de Servizos Sociais, Ana Ruiz, e a edil de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro.