Literatura

A literatura é fundamental dentro dunha programación cultural, e é por este motivo, polo que esta delegación leva a cabo unha serie de actividades que pretenden divulgar, potenciar, e difundir o traballo de numerosas persoas que a través das letras expresan os sentimentos, os feitos e a imaxinación dos veciños e veciñas de Riveira en particular e de Galicia en xeral.

Desde hai anos desenvólvese o CERTAME LITERARIO DO MAIO CULTURAL, dirixido a escolares de Educación Primaria nas categorías de poesía, relato e teatro, con agasallos e diplomas para todos os participantes, así como lotes de libros e material para os traballos máis destacados. Este certame conta cunha ampla participación grazas á colaboración indispensábel dos colexios e centros educativos do municipio.

Tamén existe unha política de PUBLICACIÓNS, co apoio a autores locais e recuperación de historias, tradicións e contos populares, así como a potenciación turística e patrimonial do noso concello. Nos últimos anos o concello a través desta delegación de cultura impulsou ou colaborou con publicacións de Xoán Pastor Rodríguez, Carlos García Bayón, Xosé Antonio Ventoso Mariño, Unai González Suárez, Jesús Pérez Besada, Antonio Novo Salgado, María Luisa López Otero, Emilio Rodríguez López, etc.

Por outra banda tamén se realizan no Auditorio Municipal numerosos CONGRESOS, exemplo son o Congreso Galego de Natación, I e II Ciclo de Conferencias de Divulgación Sanitaria da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, XVII Congreso ENCIGA, Xornada Bandeira Azul, Xornada de Turismo da Mancomunidade Arousa Norte, Cursos de Verán e Seminarios da Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), Curso de Policía, I Simposio de Deporte Escolar, Xornadas de Orientación Universitaria, etc, que se realizan a través de acordos e convenios con distintas entidades e institucións do panorama nacional.

A colaboración con entidades e asociacións culturais é fluída en canto á publicación de revistas, semanarios, xornais, folletos e programas levados a cabo por todo o municipio, onde os artigos de opinión, achegas literarias, coplas e lendas populares, poemas e pequenos relatos teñen cabida. Este é o caso das Comisións de Festas, que realizan os programas dos festexos complementados con lendas, contos, poemas e coplas, así como revistas de institutos e colexios onde os alumnos/as teñen un lugar para as súas creacións literarias, boletíns ou xornais como o parroquial de Aguiño, etc.

Destacamos tamén a posta en marcha de xornadas, conferencias, mesas redondas, relatorios, presentación de libros de autores consagrados no eido literario, caso de Yolanda Castaño, Suso de Toro, Pedro Piqueras, Serafín Marcos, Siro López, Xosé Chao, Andrés Torres Queiruga, José Vicente Domínguez, Rosa García-Orellán, Josefa Beovide, Alfredo Conde, María Yañez, Antón Riveiro Coello, etc. Así como recitais poéticos, sesións de contacontos, actuacións de monicreques e teatro...

A intención desta concellería é a posta en marcha dun Boletín Cultural de carácter trimestral, onde teñan cabida as colaboracións literarias, a banda deseñada, a fotografía, anuncios de certames e bolsas de axuda, etc. Así como a realización dunha FEIRA DO LIBRO de carácter periódico, con stands e actividades complementarias.

Cabe destacar a posta en marcha este ano de novos certames, como o de NOVELA CURTA CIDADE DE RIVEIRA, POESÍA E RELATO CURTO DO CENTENARIO, para estudantes de Secundaria, ou LENDAS DE RIVEIRA para escolares de Primaria, que xurdiron con motivo da celebración desta efeméride pero teñen intención de continuar no tempo. A gañadora do certame de Novela Curta, ao que se presentaron preto de vinte traballos chegados de todo o mundo, foi Begoña Paz Rey, natural da Coruña, coa obra “As Mellores Intencións” que pronto estará publicada polo concello e unha editorial significativa no eido das letras.

Non deixemos de nomear as Mostras de Teatro, Infantil, Profesional e Afeccionado, así como o Maio Cultural ou o Día do Libro, que teñen lugar ao longo do ano con outras programacións e consolidan o ámbito literario en Riveira.