Adxudicados provisionalmente os traballos de mellora dos parques da Tasca en Aguiño e de Abesadas en Santa Uxía de Riveira.

A xunta de goberno local do Concello de Riveira acaba de adxudicar provisionalmente no día de hoxe dúas importantes actuacións consistentes no acondicionamento dos parques da Tasca e Abesadas, situados nas parroquias de Aguiño e Santa Uxía, respectivamente.

De entre as 22 ofertas presentadas que foron admitidas no proceso de contratación, a empresa que quedou mellor clasificada resultou ser Arines Obras y Proyectos, S.L., por un importe de 38.452 euros, IVE incluído. O prazo de execución da iniciativa, que forma parte do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña, ascende a un mes e medio.

En canto ás obras que se van desenvolver, polo que se refire ao parque da Tasca, trátase dunha zona verde arbolada que será mellorada a través da demolición do pavimento de formigón que ocupa a zona central e a súa substitución por lousas de granito. Tamén se demolerá a beirarrúa que linda coa rúa Castelao e o espazo resultante será acondicionado para aparcamento. Nos diversos camiños que descorren polo parque proxectarase a extensión de pavimento térreo tipo aripaq, intercalado con outro material formado por lousas de granito. Ademais, na zona posterior ampliarase a zona axardinada aplicando unha capa de terra natural e plantando céspede.

En relación a Abesadas, que xa foi obxecto de distintos avances nos últimos anos, esta vez actuarase sobre a zona diáfana de 390 metros cadrados de superficie que limita co colexio Galaxia substituíndo o pavimento de zahorra existente por outro continuo natural tipo aripaq ou similar.

Abesadas_modi

 

 

Tasca_modi