Riveira volve a apostar pola redución do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica e a conxelación xeneralizada dos tributos.

Como é habitual, o pleno do mes de outubro inclue na súa orde do día a modificación das ordenanzas fiscais para o exercicio 2018 e, continuando coa liña dos últimos anos, a proposta que será sometida a debate volve a apostar pola redución ou conxelación dos impostos, taxas e prezos públicos, ademais de suprimir determinadas taxas ou feitos impoñibles por aplicación do principio de simplificación administrativa que aconsella a recente Lei 19/2013 de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno.

Así, en primeiro lugar cómpre destacar a diminución nun 3% do coeficiente aplicable sobre as tarifas mínimas do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, o que vai facer que este tributo se sitúe no mesmo nivel impositivo do ano 2012 a pesares do incremento no custe da vida.

Ademais, en aplicación da citada Lei 19/2013, elimínanse determinadas taxas como as de bastanteo de poderes ou servizo de teleasistencia, entre outras, así como certas bases impoñibles.

Outra taxa que se elimina é a que ata agora se esixía para poder tomar parte nas contratacións mediante procedemento aberto de obras, subministros ou servizos, xa que supón un obstáculo á tramitación de procedementos a causa dos frecuencias requirimentos de emenda que motiva, o que redunda nun retraso nas adxudicacións.

En canto ao prezo público pola prestación de servizos e realización de actividades da Oficina Municipal de Deportes, este tributo sufre unha reestruturación ao incorporar a posibilidade de acceder a todas as actividades ofertadas cun único abono e non ter que inscriberse nas mesmas de xeito individualizado previo pago de cada unha.

Aprazamentos e fraccionamentos de pago

Por último, outra das modificacións ten por obxectivo flexibilizar os aprazamentos e fraccionamentos de pago de xeito que o interesado non se vexa obrigado a abonar como regra xeral o 25% do importe adebedado como requisito previo para a concesión de tal aprazamento ou fraccionamento.