 |
| Praia do Vilar, "Bandeira Azul" concedida pola Unión Europea. |
O Camiño do Mar supón outra alternativa ofrecida polo CIELGA para facilitar e tirar a maior rendibilidade da visita do Parque aos visitantes.
A partida realízase desde o Centro de Interpretación, e dispostos a aprender cal é o papel do mar na orixe e evolución deste espazo natural.
Logo de cruzar unha área de piñeiros do país, chegamos á antesala do ecosistema da lagoa de Carregal, unha pequena gándara coñecida como A Gandarela. A vexetación aquí componse de plantas adaptadas a solos moi húmidos e de alta salinidade.
Á esquerda, entre a lagoa de Carregal e o mar, hai unha prominente duna vexetada, cuberta por piñeiros; este sitio coñécese como Forno da Tella. Antigamente, nestes fornos elaborábanse as tellas e os ladrillos para as casas dos arredores.
 |
| Lagoa de Carregal, de auga salobre, é dicir, mestura de doce con salgada. |
Acadamos xa a lagoa e marisma litoral. En termos xeolóxicos, son ecosistemas novos, que tenden a encherse lentamente dos sedimentos subministrados polos ríos e o mar ata que co tempo desaparecen. A afluencia fluvial que recibe a marisma e mais a lagoa de Carregal provén de 4 pequenos ríos: o da Cidade, o Sanchanás ou de Artes (o máis importante), o de Sirves e o río Longo. A desembocadura do río Artes atópase flanqueada por un bosque en galería, no que predominan ameneiros e salgueiros que forma un bonito corredor verde.
Admiramos a continuación a chaira intermareal, que dá cabida a unha formidable riqueza biolóxica. Os mariscadores aproveitan a zona para extraer berberechos.
 |
| Desembocadura en baixamar. Fotografía tomada desde a base da duna móbil. |
No seguinte punto de interese ábrese ante nós unha espectacular visión do contorno marítimo do Parque, e do esplendoroso océano que se encargou de formar e dar vida este sistema ecolóxico. Avanzando pola beiramar, vemos as Pedras das Pozas, así como gran cantidade de restos que o mar arrastra ata a costa. Polas cunchas podemos distinguir varias especies: navallas, mexillóns, berberechos, ameixas brancas...
Finalmente, continuamos ata as Pedras das Martiñas e por calquera das pasarelas retornamos ao punto de inicio, podendo ollar máis detidamente como a vexetación se instala sobre as dunas, axudando así a deter o seu avance en dirección ao interior. Complétase deste xeito un percorrido de 6 quilómetros para o que hai que empregar unhas 4 horas.