Meio Físico
| Localización |
Ribeira (A Coruña) |
| Superficie |
996 Ha. |
| Data de declaración |
5 de Xuño de 1992 |
| Lexislación |
Decreto 139/1992.
DOGnº113 de 15 de junio de 1992 |
|
. |
O espazo natural, que se encontra dominado pola impoñente figura da gran duna móbil, acolle nos seus límites unha enorme variedade de hábitats e de fermosas paisaxes, todo distribuído ao longo das súas case 1.000 ha de superficie.
Limita, no seu extremo norte, cun amplo cerco costeiro de praia, de aproximadamente 4 km de lonxitude, moi apreciado e visitado por veciños e turistas. Cérrano nos seus dous extremos acantilados rochosos.
Cara ao interior esténdese o complexo dunar, a ampla chaira areosa e as lagoas e marismas que colmataron e pecharon de forma natural o que antigamente era unha baía, roubada ao mar.
Detrás das dunas encontramos unha marisma constantemente influída polas mareas e atravesada por pequenas canles e dúas lagoas, unha de auga salgada (Carregal) e outra, máis ao sur, de auga doce (Vixán).
O espazo complétase con pequenos núcleos de poboación e as súas respectivas zonas de influencia, cultivos, bosques de piñeiro, praderías, etc.
Menú


O clima é de tipo oceánico húmido (con tendencia atlántica). A precipitación anual media é de 1.200 mm durante 115 a 130 días ao ano.
A temperatura media oscila entre os 18ºC no verán e os 9,5ºC no inverno. Non presenta xeadas ningún día do ano.
Hai dous ventos dominantes, o do SO, no inverno, asociado a temporais, e o do N ao NE, no verán, máis moderado.
O réxime de temperaturas indícanos que non experimentan grandes variacións ao longo do ano.
Menú
O conxunto xeolóxico do PARQUE NATURAL formouse hai 12.000 ou 15.000 anos (período cuaternario).
A erosión e a acumulación de area polo vento (eolización) orixinou unha barreira areosa que pechou a primitiva baía. Formouse así unha masa de auga encorada, que foi colmatándose progresivamente por sedimentos do vento e dos ríos, emerxendo do solo firme e perdendo profundidade, dando lugar á actual lagoa de Carregal.
Esta quedou comunicada co mar por pequenas canles que, en conxunto, reciben a denominación técnica inglesa de lagoon.
O solo emerxido, formado por lodo e area, constantemente sometido á oscilación do nivel de auga a causa das mareas, evolucionou ata formar a actual marisma, poboada por plantas adaptadas ás inundacións e á forte salinidade da marea.
Posterior á formación da barreira areosa, que pechou a antiga baía, a acción do vento orixinou a aparición dos dous cordóns litorais de dunas e, sobre todo, a gran duna móbil. Esta ten unha lonxitude superior a 1 km, 200 a 250 m de ancho e de 12 a 15 m de altura. A duna avanza impulsada polo vento cara ao interior, cunha dirección aproximada do NE en lento e constante movemento.
Completa o conxunto a lagoa de Vixán, que, ao non ter contacto co mar, é de auga doce, o que diferenza profundamente a súa flora e microfauna da de Carregal.
A vexetación complétase, nos solos máis evolucionados que rodean o complexo dunar-marisma, cun bosque de piñeiro de piñeiro marítimo (propio do país) e radiata (orixinario de Norteamérica). Xunto co bosque de piñeiro hai tamén un sotobosque (vexetación arbustiva) de toxos, urces e xestas. Mesturados co piñeiro vense carballos, ameneiros e salgueiros.
En definitiva, no parque encóntranse representados 247 taxons vexetais , segundo P.Guitián e J Guitián, o que representa unha cifra moi importante, ao ter en conta a especificidade ecolóxica deste tipo de medios. Moitas das citas resultan ser novidades provinciais ou rexionais.
A vexetación das dunas está fortemente especializada, con resistencia ao sal e nitrofilia acentuadas, e é de porte rastreiro. Destaca un complexo da flora de Ammophyla arenaria, Helscrhysum picardii, Scrophularia frutescens, etc., acompañadas de brión ou liques, que evitan a acción erosiva do vento ou a seca excesiva do solo. Para os botánicos interesados, merecen especial mención algúns exemplares polo seu carácter endémico (Ranunculus ophioglossifolius, Spiranthes aestivalis, Omphalodes littoralis subsp gallaecia, etc.).
A vexetación das marismas responde ás características físico-químicas do substrato, sometido a inundacións periódicas e oscilacións da mareas. As xunqueiras e as carrizas ocupan preferentemente estes substratos, acompañados de herbais halófitos de Berdolaga mariña, Limonium serotinum, Suaeda marítima, etc. Tamén se pode resaltar a presenza na marisma da lagoa de Artes de Naxa mariña, moi rara nas zonas húmidas litorais de Galicia.
A lagoa de Vixán amosa unha vexetación de preferencia doce, onde destacan poboacións de ranúnculos e outros hidrofitos enraizantes.
A vexetación confírelle ao parque un carácter de orixinalidade e rareza dignos de mención. Soamente o complexo das dunas alberga unhas 200 especies de vexetais superiores, algunhas incluídas no catálogo de plantas endémicas raras e ameazadas de España e outras cun valor para a flora e bioxeografía singular.
Menú


Os censos de aves acuáticas que veñen invernar efectuados no parque nos últimos anos proporcionan unha media de 2.300 individuos anuais, reunidos en, polo menos, 35 especies.
A existencia de numerosos hábitats diferenciados dentro do parque natural posibilita o asentamento dunha fauna diversa e de grande atractivo. Así poden encontrarse na zona 10 especies de anfibios das catorce existentes en total en Galicia (70%), ou 14 especies de réptiles das 20 presentes en Galicia (71%).
Os grupos faunísticos máis significativos son:
- As comunidades de invertebrados presentes no lodo e area afectados polas mareas.
- As aves ligadas ó medio acuático, salado ou doce.
- Os anfibios e réptiles asociados ás extensas chairas areosas e ás frecuentes zonas húmidas.
A comunidade de invertebrados está integrada por multitude de miñocas, microcrustáceos, larvas de insectos e peixes, insectos e moluscos de todos os tamaños. A súa extraordinaria abundancia, orixinada pola alta produtividade deste tipo de ecosistemas, prové de alimento as demais comunidades de vertebrados, e é a base da existencia das numerosas poboacións de aves, anfibios, réptiles, etc.
As especiais condicións biolóxicas desta zona húmida litoral convértena na principal área de cría de todas as especies de peixes e crustáceos que habitan na costa circundante, polo que a riqueza da pesca comercial nas augas próximas depende do normal desenvolvemento das súas larvas nas augas da lagoa e marisma de Carregal.
As aves, sobre todo as acuáticas, encontran neste parque natural excelentes condicións para a cría e vida sedentaria durante todo o ano, pero sobre todo para o descanso e a alimentación durante os pasos migratorios invernal e primaveral. É daquela cando se concentran aquí as principais cantidades de anátidos, pequenas pernilongas (limícolas), aves mariñas e paseriformes, que aproveitan a seguridade que lles fornece a escasa transformación humana destas paraxes e as abundantes fontes de alimento.

As ondas de frío que azoutan en ocasións o norte de Europa fan que se produzan ocasionais visitas de especies raras, como cisnes ou gansos. A mellor época para contemplar esta variada gama de visitantes alados é durante os meses de outubro a marzo.
No treito costeiro podemos observar a gaivota chorona e mais a sombría, carolo (Alca torda), corvo mariño grande, corvo mariño cristado, negrón común, colimbos, mascato e pardelas. A praia e as zonas de limo acollen limícolas, como pilros, píldora cativa patinegras, ostreiros, mazaricos, lavandeiras e virapedras.
Nas masas de auga encontrarnos garzas, garzotas comúns, espátulas e todo tipo de patos (pato asubión, pato cullerete, pato friso e rabudo), cercetas porroas, somorgullos, fochas, etc.
A zona perimetral e mais as chairas areosas amosan un tapiz de avifauna formado por lavercas, escribentas, picas, papuxas, folosas, carrizas, etc, e aves de rapina, coma o azor, o gabián, a curuxa común e a das xunqueiras e o escaso tartaraña das xunqueiras.
O Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán alberga unha variada poboación de anfibios e réptiles nos seus diversos hábitats, especialmente nas súas chairas areosas e zonas húmidas. Nestas últimas encóntranse as condicións idóneas para a reprodución e posterior expansión por toda a comarca destes beneficiosos animais.
As especies máis representativas son a ra verde, o sapo corredor, sapo de esporas, sapiño pinto, tritón, salamántiga, cóbrega de colar, escáncer ibérico e a víbora de Seoane.
Como especies endémicas, é importante destacar o tritón (Triturus boscai) ou a lagarta galega (Podarcis bocagei).
O contorno do parque é visitado esporadicamente por numerosas especies de aves e mamíferos non necesariamente ligados aos seus hábitats, senón aos propios das terras de cultivo e praderías próximas, como raposos, teixugos, ourizos, esquíos, xabarís, ou a fuxidía lontra, que encontra nas lagoas o seu medio ideal.
Por último, nas augas próximas á costa, non é raro divisar o paso de golfiños e outros cetáceos.
Non se pode rematar esta breve introdución á fauna do parque sen lembrar as dificultades que trae consigo a observación dalgunhas das especies citadas. Na maior parte dos casos, sobre todo no que respecta á avifauna acuática, bastan unhas poucas doses de paciencia e discreción. Non obstante, en canto aos vertebrados terrestres, anfibios ou réptiles, de costumes moito máis reservadas, a súa presenza, na maioría dos casos, pasa desapercibida para o visitante ocasional. Algúns coñecementos previos dos seus costumes ou hábitos poden ser de grande axuda.
En calquera caso, convén lembrar que a nosa actitude debe ser de máximo respecto cara á fauna, a flora e os seus hábitats naturais, evitando recoller animais ou plantas e procurando pasar o máis desapercibidos posible, co fin de contribuír a seguirmos gozando dun dos nosos máis valiosos enclaves naturais.
A cantidade de restos arqueolóxicos descubertos en toda a zona que deu pé á aparición de numerosas lendas e fantasías referidas ás dunas. Entre elas a existencia da mítica cidade de Valverde baixo as dunas do Parque.
O Campo de minas do Castro de Carreira, onde se descubriron moitos restos arqueolóxicos, cerámica primitiva, machados de pedra, mámoas e sepulturas, xa foi resaltado polo Padre Sarmiento na súa Viaxe a Galicia de 1745.
Á marxe de lendas, por outro lado tan arraigadas na propia forma de ser e sentir galegas, as parroquias da zona caracterízanse pola súa íntima relación co mar, como vilas mariñeiras e emigrantes.O seu momento culminante márcao a chegada dos fomentadores cataláns que abriron numerosas fábricas de salga e cura de peixe, a finais do século XVIII.
Ribeira ostenta o título de cidade desde 1906, cando llo concedeu o rei Afonso XIII polo seu gran desenvolvemento industrial e comercial auspiciado pola abondosa actividade do seu porto.
Entre os anos 1963 e 1977 a pesca experimentou en todo o municipio un progresivo auxe, chegando a ocupar o porto de Ribeira o cuarto posto no nivel nacional en canto a peso de capturas, sendo unicamente superado polos portos de Vigo, As Palmas e A Coruña, por esta orde. Na actualidade é o primeiro porto de España en pesca de baixura.
O tapiz de fondo de Corrubedo, así como a súa heráldica, está formado polas dunas e as lendas da Pedra Ferreira e Lagoa de Carregal.
Na estrada de Corrubedo a Oleiros, entre piñeirais, está o Dolmen de Axeitos chamado Pedra do Mouro, un dos monumentos prehistóricos galegos máis fermosos.
Menú

O parque conta cunha serie de infraestruturas de uso público para lle facer ao visitante máis grata e ordenada a visita.
- Centro de Recepción de Visitantes "CASA DA COSTA"
Neste edificio, denominado "Casa da Costa", o visitante encontrará toda a información necesaria para unha visita proveitosa (planos, percorridos de itinerarios, ecosistemas, etc.). a "Casa da Costa" alberga así mesmo as dependencias administrativas.
O equipo de información do parque ocúpase ademais da concertación de visitas e atención ao público; para iso conta con diverso material gráfico e cunha sala de audiovisuais. Recoméndase que toda visita teña o seu comezo neste centro.

O nome de CIELGA (Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia) define unha instalación concibida como museo-exhibición destinado a lle ensinar ao público a riqueza ecolóxica da costa galega.
A súa visita permitirá facer un interesante e entretido percorrido pola fauna, a flora e a formación xeolóxica do parque, así como polos aproveitamentos que os veciños veñen realizando tradicionalmente.
- Cafetería-restaurante e área recreativa
No Vilar está situada a cafetería-restaurante e mais unha área recreativa, con infraestrutura apropiada para o descanso e a comida dos visitantes.
Lembramos a obriga de utilizar soamente as áreas recreativas para as comidas, merendas, etc., respectando así a tranquilidade e integridade necesarias do parque.
O parque dispón de dous aparcadoiros situados en Olveira (norte) e Vilar (leste), onde o visitante deberá deixar o vehículo, xa que o tránsito polo parque só se pode facer de forma peonil.
Nos extremos norte (praia Ladeira) e sur (Vixán), existen dúas zonas de aparcadoiro de menor capacidade.
O parque conta cunha serie de paneis que sitúan o visitante no espazo que ocupa, dándolle información sobre os seus valores naturais e unhas sinxelas normas de comportamento para axudar á conservación e mantemento da súa riqueza.
Estes paneis están situados na praia Ladeira, aparcamentos de Olveira e Vilar, miradoiro de Castrocidá e no extremo sur do parque (Vixán).
Menú

- Use os camiños. No interior do parque, evite camiñar fóra deles.
- Non corte flores nin arrinque plantas: pode pór en perigo especies singulares.
- O lume pode destruír a vida do parque. Non acenda fogueiras ni tire cigarros acendidos
- Non acampe no parque. Utilice os cámpings próximos.
- Por favor, recolla vostede mesmo os seus propios residuos ou utilice os colectores de lixo.
- Non deixe que o seu can se interne polo Parque. Léveo con correa.
- Non transite con vehículos fóra das pistas autorizadas para facelo.
- Respecte os cultivos, cerres e cancelas.
- Use para as súas comidas exclusivamente as áreas recreativas.
Menú

- Casa da Costa
(Centro de Recepción de Visitantes)
15967 O VILAR – CARREIRA – Ribeira (A Coruña)
Telf. : (981) 87 85 32 Fax: (981) 87 85 27
- Servizo Provincial de Medio Ambiente Natural de A Coruña.
Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente
Plaza Luis Seoane, s/n – 5ª planta
15008 A CORUÑA
Telf. : (981) 18 45 85 Fax: (981) 18 46 54
Menú

Accesos ao Parque Natural.
Os dous accesos fundamentais ao parque, desde o norte e o sur da Comunidade, teñen cabeceira en Santiago de Compostela e Padrón, respectivamente.
Desde A Coruña: Autoestrada do Atlántico A-9 ou estrada N-550 ata Compostela e, despois, C-545, por Noia, ou C-550, por Ribeira.
Desde Pontevedra e Vigo: Autoestrada do Atlántico A-9 ou N-550 ata Padrón, e C-550, por Ribeira.
Tanto desde A Coruña como desde Pontevedra e Vigo, pode utilizarse a vía rápida VRG-11, que, partindo de Dodro, na C-550, vai directamente a Ribeira.
Menú

Información adicional:
Para calquera cuestión ou aclaración adicional podes dirixirte á:
-
Consellería de Medio Ambiente
Centro de Desenvolvemento Sostible
S.X. de Información, Formación e Tecnoloxía Ambiental
-
Solicitude de información vía Internet
San Lázaro s/n
15781 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf.: 981-541-763 Fax: 981-541-765
Menú
©
Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Medio Ambiente
Información mantida polo Centro de Desenvolvemento Sostible.
Última actualización: « document.write(document.lastModified) ; 05/30/2006 14:43:37 03/13/2003 13:13:42 »
URL:
Ir