"O diamante que a ría de Arousa engade ao Parque Illas Atlánticas"
 |
| A Mítica Sereia de Sálvora saúda o visitante no mesmo pontão da ilha. |
A Mítica Serea de Sálvora saúda o visitante no mesmo peirao da illa. A riveirense illa de Sálvora, pertencente á parroquia de Aguiño desde 1959, forma parte do Parque Natural Illas Atlánticas, declarado en 2002. Da ría de Vigo, as Cíes; da ría de Pontevedra, Ons; e da ría de Arousa, a máis modesta pero non pero menos fermosa Sálvora. Situada, segundo estimación do Padre Sarmiento nunha das súas viaxes polo Barbanza alá polo s. XVIII, a media legua da punta de Aguiño, actúa de gardiá ante temporais xusto na bocana da ría. De forma triangular e cunha superficie de case 190 hectáreas, ten ademais a honra de ser a cuarta illa galega en tamaño tras a de Arousa e as antes mencionadas incluídas no Parque. Destaca a súa montesía, que acada no punto máis elevado os 71 metros e deixa ben claro que nun tempo moi afastado estivo unida a terra, formando, coa compaña dos varios illotes que a rodean (os conxuntos de Sagres e Centoleiras) o apéndice da gran cadea montañosa do Barbanza. A costa accidentada e o continuo bater do mar impediron a formación de praias, pero as que hai, na cara interior, resgardadas e case virxes, son un lugar envexable para quen ande á procura de calma. Pode escoller entre a praia do Almacén ou Castelo (chamada así pola antiga fábrica de secado e salgadura de peixe de Jerónimo de Hinojosa, logo convertida no actual Pazo de Sálvora), dos Lagos, a da Zafra ou a de Area dos Bois.
 |
| Mapa das ilhas
atlánticas |
A paisaxe humanizada, ademais da aldea deserta, componse do peirao, ao pé da praia do Almacén, do castelo do mesmo nome, da antiga cantina –agora capela–, do faro e da mítica escultura da serea, á entrada do embarcadoiro. A construción do Pazo de Sálvora acometeuse en 1770: o comerciante coruñés Jerónimo de Hijosa, co beneplácito dos Goyanes, abriu a factoría antes mencionada, que tivo que pechar ben antes do agardado. O faro de Sálvora existe desde o 1852, daquela segundo un proxecto de Celedonio Uribe, e situado no extremo meridional da illa, en punta Besugueiros. Pero en 1904 determínase a construción dun novo faro, nun lugar máis elevado e elixido estratexicamente para ampliar o ángulo de iluminación cara ao interior. Este faro inaugúrase en 1921 e logo será ampliado en 1954, ano en que se dotou de grupos electróxenos, baterías, almacén e unha balaustrada.
Subir

|
|
|