Illa de Sálvora: Propriedade
Na actualidade, a illa é propiedade dos descendentes do Marqués de Revilla, Joaquín Otero Goyanes, pero atópase en réxime de arrendamento, sendo o usufrutuario a empresa Frinsa. Obviamente, Sálvora forma parte tamén da parroquia da Nosa Señora do Carme en Aguiño desde 1959, ano en que se produce o deslinde da parroquia de San Paio de Carreira. A mediados do século pasado, este señorial anaco de terra pertencía ao estado; e o Goberno someteu a posibilidade de vendelo á condición de conservar a propiedade dos edificios e todas as obras realizadas pola Administración. Deste xeito, a zona do peirao, a do faro e a estrada xeral quedaba en poder estatal e ficaban accesibles para calquera cidadán.
O carácter privado protexe a illa da invasión turística que sofren Cíes e Ons, pero resulta inescusable non recomendar unha visita destas históricas terras que viron de preto as incursións de pobos invasores desde hai dez séculos, así como o progresivo poboamento deste curruncho barbancés. Igualmente atractivo é un paseo submarino para admirar os tesouros naturais que se agochan baixo a superficie das augas arredor deste conxunto de illotes nucleados en Sálvora.
Sálvora estivo poboada dente a metade do século XIX, pero a finais dos sesenta e principios dos setenta da centuria seguinte, os habitantes fórona abandonando paseniño. Hoxe en día os únicos habitantes son os gardas da illa, ademais dos membros da familia Goyanes, despois de que en 1997 os torreiros do faro tamén deshabitasen a illa (grazas a íntegra electrificación das instalacións do faro).