Petroglifos de Figueirido
Nos últimos anos foron localizados na bisbarra barbancesa, da man de historiadores e arqueólogos galegos, ducias de gravados en pedra que datan da idade do Bronce. A maior parte destes petroglifos encóntranse en Porto do Son, pero Riveira ten unha das mellores mostras desta arte rupestre, e cuns accesos envexables. Na chamada Pedra das Cabras, no lugar de Figueirido –indo de Riveira cara a Palmeira– obsérvanse unhas representacións zoomórficas de grandes dimensións. Trátase de dous gravados de caprinos ou cérvidos, inscritos na pedra a grandes trazos. A partir dun deseño cuadrangular, saen pola parte inferior catro trazos paralelos a modo de patas, e pola superior, o pescozo cunha cabeza tamén moi esquematizada. Comprobamos así como a vangarda da arte e as súas orixes se dan a man a través da abstracción. Por outra banda, a fondura dos sucos, superior ao habitual, pode indicar unha cronoloxía recente, dado o escaso desgaste.
 |
| A Pedra das Cabras é unha mostra da arte dos nosos devanceiros. |
Accédese desviándose desde o acceso á Vía Rápida situado na entrada sur de Palmeira en dirección a Riveira. Aos 500 metros desa estrada secundaria, un outro desvío asfaltado leva ata unha corredoira, ante a que é preciso deixar o vehículo –no caso de telo usado. O dito camiño conduce á Pedra das Cabras, xunto á cal un panel informativo enriquecerá os nosos coñecementos.
Tamén chegaron a ter certa sona os gravados antropomórficos de Sirves, que databan da época medieval, pero desapareceron do seu lugar para non volver aparecer ata o momento. Hai que anotar que existiu unha pedra semellante á da Pedra das Cabras ben preto do dolmen de Axeitos, e recollido por Cuevillas nos anos 20.
 |
| Con estes gravados zoomórficos representábanse pezas de caza. |
No Monte de San Alberto podemos apreciar varias pedras con cruces inscritas. Corresponden ao medievo e eran marcadas para delimitar o Couto de Deán, neste caso, ou outras propiedades. Estes gravados cruciformes tamén aparecen en Palmeira, nun sitio coñecido como Pedra da Ra (non confundir co miradoiro). E outra inscultura curiosa que data da Idade Media rexístrase en Corrubedo, detrás da praia do Prado: trátase dun deseño que lembra unha especie de espada ou arma afiada.
Como novidade, debemos sinalar a aparición de 6 ou 7 gravados de cérvidos de pequenas dimensións e con grandes e ramificadas cornamentas. Foron achadas recentemente na parroquia de Oleiros e teñen que proseguir aínda as investigacións para unha maior extracción de datos. Do mesmo xeito, nas últimas datas, certos investigadores repararon nunha inscrición de presunta orixe romana, nunha das pedras que conforman o muro traseiro da igrexa de San Martiño de Oleiros.