|
MONUMENTOS MODERNOS
| Monumento á Ama de Casa |
Riveira |
|
 |
A importancia na cidade da Asociación de Amas de Casa traduciuse nunha iniciativa que acabou por se converter na elegante escultura en pedra que preside a praza da Concordia. No centro da rotonda situada na entrada da explanada da Lonxa, un círculo de céspede, e axardinado cuns frondosos arbustos, acolle este monumento no que vemos unha muller erguida, coas costas apoiadas no marco que a encadra, en actitude de espera. |
Así, dedícase unha lembranza a todas as mulleres que no pasado, no presente e no futuro se ven na tensa conxuntura de agardar pola parella, ausente por motivos de traballo, ou, sendo máis explícito e por norma xeral en Riveira, por culpa do mar. |
|
Subir  |
| - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - |
| Monumento á Armada |
Riveira |
 |
Este monumento de recente inauguración (2002) pretende servir de tributo á Armada Española. Constituído por unha áncora negra de grandes dimensións que repousa sobre un sobrio pedestal de granito, situouse nun recuncho do Parque Pedra Pateira, visible desde a estrada. Este supuxo o segundo monumento que se integra nos xardíns de Pedra Pateira, converténdoo nun punto turístico xa inescusable para o visitante, así como nunha rica zona verde da que gocen os propios riveirenses. |
Subir  |
| - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - |
|
| Monumento á Dorna |
Riveira |
|
 |
A dorna é unha embarcación ligada intimamente ao progreso da cidade de Riveira desde a súa humilde orixe mariñeira, e por isto se merece unha homenaxe coma a que se lle brinda no Parque Pedra Pateira, a carón da fonte circular que sobresae no centro da praza. Unha réplica en pedra e a tamaño natural dunha dorna dálle unha nova dimensión á importancia do parque desde que en 1998 se descubriu a placa deste monumento. |
|
Subir
 |
| - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - |
|
|
Monumento ao Emigrante |
Palmeira |
|

|
Esta escultura eríxese no cumio do rochedo do Castelo, no peirao da parroquia de Palmeira. Unhas escaleiras conducen a unha terraza, sobre os penedos, onde se levanta este fermoso monumento en pedra, inaugurado en 1998. Tres figuras humanas representan unha agridoce escena familiar: o home sinalándolle terras lonxincuas á muller, que trata de divisar o horizonte do futuro, mentres o meniño agatuña a pedra que serve de pedestal á procura dun seu pai do que só lle quedará a ausencia durante longo tempo. |
|
Subir
 |
| - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - |
|
Monumento ao Mariñeiro |
Aguiño |
|

|
O Monumento ao Mariñeiro atópase na explanada do porto de Aguiño, sobre unha ampla base cuberta de céspede. Inaugurado o día do Carme de 1995, rende homenaxe ás xentes do mar representadas nas figuras duns mariñeiros tallados en pedra, e que forman parte dunha escena cotiá do seu traballo como é a recollida das redes lanzadas ao mar. |
|
Subir
 |
- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -
| Monumento da Serea |
Riveira |

|
Orixinal estatua situada no centro da rotonda da rúa 9 de Agosto, en Santa Uxía de Riveira, que dá a benvida ao centro urbano aos vehículos e peóns que baixan desde Cubeliño ou Fafián. Esta especie de gardiá de pedra custodia tamén, desde o alto dunha torre de pedra duns 3 metros, a entrada á céntrica rúa Rosalía de Castro. A figura tallada en pedra dunha muller espida que rodea coas pernas un espigado golfiño de longa cola simboliza a fusión de animal mariño e femia: a serea. A presenza deste ser mitolóxico en Riveira remóntase a certas lendas e a recente estatua erixida en Santa Uxía en 2003 supón ademais unha autorreferencia á outra serea do concello, que recibe cordial e maxestosa aos visitantes da illa de Sálvora no mesmo embarcadoiro.
|
Subir  |
| - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - |
| Monumento ao Sagrado Corazón de Xesús Riveira |

|
Inaugurado en 1965, en tempos do párroco Juan Bautista Boo Romero, quen se encontra enterrado na parte inferior. Situado no medio duns xardíns, nunha zona que destaca pola súa elevada posición do núcleo urbano, componse dunha capela, base da edificación, e dunha torre coroada por unha estatua en pedra dun Cristo de 2,5 metros de altura. Os arredores axardinados completan o Monumento, que malia verse rodeado de vivendas de altura considerable, segue a divisarse e a sobresaír desde moitos puntos do núcleo urbano riveirense. |
|
|
|
|
|