Museos
|
Museu Etnográfico de Artes |
Artes |
|
Este Museo atópase na planta baixa do Centro Recreativo de Artes, situado no lugar de Sego. A idea que rematou por xerminar no Museo partiu dun dos presidentes do Centro Recreativo, afeccionado a coleccionar pezas e artigos de tempos pasados. Implicou na súa iniciativa aos veciños ata conformar unha colección digna de ser exposta, cos obxectos restaurados e catalogados. E así aconteceu en 1998 coa apertura de dúas salas de exposicións no antigo garaxe.
O proceso de acondicionamento das salas para acadar o actual estatus de Museo comezou en xuño de 2002. Agora converteuse xa nun peculiar e atractivo lugar de grande interese histórico-cultural dentro do concello. Un número de 600 pezas de distintos usos e tempos retrotráennos a momentos do pasado que cómpre ter frescos na memoria; unha antigüidade de 50 anos como mínimo é a condición que deben cumprir para pasar a formar parte da colección. A exposición divídese en bloques temáticos: "Vida Cotiá", no que se recollen obxectos usados nas lareiras, complementos coma reloxos, chisqueiros ou petacas e avances tecnolóxicos; "Música", na que cobra especial relevancia o gaiteiro Paco do Monte, que chegou a ter gran sona malia carecer de estudos musicais; "O Agro", un espazo que xira arredor do fundamental carro, de vital importancia na vida galega durante innumerables xeracións; e, por último, atopamos pezas relacionadas con diferentes gremios (carpinteiros, zapateiros, canteiros...), así como artigos relacionados coa relixión e/ou a literatura.
Como pezas marcadamente curiosas podemos citar unha moeda da República Romana, que vén a ser cos seus case 22 séculos ás costas, o artigo de maior antigüidade; tamén a gaita de Paco do Monte (o eminente gaiteiro popular de mediados do s. XX), co punteiro elaborado para zurdos coma el; os primeiros timbres nos sobres de Riveira; ou un enorme aparello de canteiro que facía a función de guindastre cun sistema de poleas.
Para chegar ata o Museo Etnográfico é preciso desviarse desde a estrada xeral que atravesa Artes (que une Riveira coa dita parroquia e con Olveira e Corrubedo) nun nó onde o Centro Recreativo aparece indicado. O Centro quedará a man dereita. Entre as instalacións coas que conta está un aparcadoiro.
Horario: de 19.00 a 21.00 horas, de luns a venres.
Entrada: 2 € adultos / 1 € nenos
Tel.: (Centro Recreativo e Cultural) 981 873052 |
|
Subir
 |
|
Museu de Artes da Gravura à Impressão Digital |
Artes |
En pleno corazón da parroquia de Artes, no lugar de Outeiro, está situado este museo, singular e pioneiro en toda España polo seu carácter específico dedicado á técnica do gravado, desde o s. XV ata as técnicas máis modernas, baseadas en soportes dixitais. O centro abriu as súas portas ao público en outubro de 2001 e por el van "desfilando" distintas coleccións de autores do máis variado e reputado. Algunhas das exposicións son propiedade da Fundación Museo do Gravado á Estampa Dixital, mentres que outras adquírense mediante unha concesión temporal ou a través de convenios –coa Deputación Provincial, Xunta de Galicia, Universidade de Cantabria, Museo do Gravado de Marbella, Desenvolvemento Comarcal de Galicia e co Museo de El Prado. En total, a Fundación dispón dun volume de obras que supera os 8000 exemplares. A maioría consérvanse noutra sede da Fundación, en Madrid.
O edificio que alberga o Museo representa un valor de seu. De construción recente, o proxecto do arquitecto Julián Arenas Airito mostra unha edificación funcional e acorde co medio natural no que se sitúa. Mantén un sutil equilibrio entre grandes masas e ocos no seu aspecto externo. No interior, a luz, as paredes e os baleiros combínanse harmonicamente. Tres plantas están dedicadas a exposicións; a planta soto acolle o resto dos servizos do museo: salón de actos, oficinas e arquivo, aseos, etc.
Para acceder a el é preciso desviarse á esquerda indo pola estrada que une Riveira con Corrubedo, pasando por Olveira; está indicado o Hotel Rural A Reitoral e mais a Igrexa. Logo séguense os carteis que guían ata o hotel e xusto ao seu carón aparece o museo.
Visitas
Aberto de martes a sábado; de 10.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 19.00 horas. Domingos e festivos, de 16.30 a 19.30 horas.
Horario de verán (meses xullo e agosto): 10.30 a 13.30 horas e de 17.30 a 20.30 horas.
Entrada: 2,40 €. Menores de 12 anos e maiores de 65 anos: entrada libre.
(Desconto para grupos: 1,20 € por persoa)
Enderezo:Lugar de Outeiro - Artes - Riveira
Teléfono: 981 83 56 38 Fax: 981 83 56 39
correo: fundartes@terra.es
web: www.fundartes.com
|
|
Subir
 |
|
|
|
|