Rutas: A pé
Ruta
1

Desde a delegación de Deportes do Concello proponse un itinerario ao alcance de calquera, para realizar a pé pola área sueste do municipio.
Partindo da Praza do Concello, haberá que poñer rumbo á Praza de Otero Goyanes, onde admirar a beleza da igrexa parroquial. Subindo pola rúa do Monumento, a seguinte parada de obrigado cumprimento é fronte á torre do Sagrado Corazón de Xesús. Continuando costa arriba polo barrio de Fafián, tomaremos o primeiro desvío á esquerda ata ver á man dereita un grupo de rochas: Os Túneles. Nestes penedos faremos un alto para admirar a paisaxe de Riveira. Despois, enfilamos á dereita pasando por outro rochedo coñecido como A Atalaia. Sen deixar este camiño, pasaremos por diante do Complexo Deportivo de A Fieiteira para entrarmos nun piñeiral cun sendeiro de terra e pedras que nos guía ata o miradoiro da Garita. Logo de rubir por ese gran penedo gozaremos das vistas das parroquias de Aguiño e Carreira, así como da illa de Sálvora, ao fondo.
Baixando a ladeira polo outro lado topamos coa estrada, que nos leva, á dereita, ata Castiñeiras. O camiño asfaltado desembocará practicamente na praia do Castro, unha das praias máis fermosas e mellor dotadas de servizos.
Co último tramo empezamos o regreso, pola estrada en dirección a Santa Uxía. Non nos despegamos da costa, polo que pasaremos a carón da praia dos Mosqueiros, da Ameixida e de Area Secada, ata que chegamos a Banda ao Río, orixe da cidade de Riveira. A andaina ben merece un final refrescante, para o cal podemos acudir a bebidas e tapas de calquera das moitas terrazas do paseo do Malecón.
Ruta 2
Unha outra ruta da que aprender e gozar, en bicicleta de montaña ou a pé, levaranos por todo o sueste riveirense e incluso polo municipio veciño de Pobra.
O punto de saída, a praza do Concello. Vamos por Rosalía de Castro ata o Malecón e alí xiraremos á esquerda ata o novo paseo marítimo da praia de Coroso, con carril bici incluído. Logo de cruzar un pequeno regato, acadamos o cámping de Coroso, que bordearemos por unha corredoira estreita para ir dar á praia de Río Azor. Desde alí seguiremos a estrada para atravesar Palmeira, parando onda a igrexa e tamén no vello porto. Incorporámonos agora á estrada principal ata o cruce que leva ao lugar de Ventín. Subindo por esa estreita estrada chegamos ata o cruce de Moldes; de novo a parada é moi recomendable, pois o cruceiro é tan fermoso como popular. O avance farase custoso co que resta de subida cando nos diriximos ao miradoiro da Curota, pertencente ao municipio pobrense. Desde os seus case 500 metros de altitude, as vistas acadan sen problemas, nun día despexado, as illas Cíes. Tamén podemos continuar subindo, ata os 624 m dos Forcados, riveirenses aínda que haxa que afastarse máis.
 |
| Os expedicionarios fan un alto onda a Pedra das Cabras. |
É tempo do descenso, con moito tino, ata Moldes, e logo de novo ata Ventín. Deseguido, tomaremos un desvío en dirección ao lugar de Figueirido. Tras cruzar a ponte da Vía Rápida, un camiño á dereita amosaranos un dos maiores tesouros do concello, unha mostra de arte rupestre extraordinariamente conservada: as insculturas da Pedra das Cabras. Unha vez na estrada xeral, a dirección a tomar será a da praia de Coroso. Antes de chegar, hai que reservar unha breve parada, xusto fronte ao cámping, para contemplar os restos do que se adiviña como un importante dolmen en tempos: o dolmen de Coroso. Toca facer o camiño inverso polo paseo de Coroso ata chegar a Riveira, onde observar a frenética actividade na Lonxa.
De optar por facer esta ruta en bicicleta poder resultar curta de máis, cun sinxelo remedio atendendo á ruta 3, que engade a este percorrido uns 5 quilómetros máis.