Concello de Riveira
PUNTOS DE INTERESE

TURISMO ACTIVO

LECER E GASTRONOMIA

INFORMACIÓN

.
Rutas | Actividades acuáticas | Equitación e Quads

.

.
Nesta sección consulta:

 

A pé | En bici | A pé ou en bici | Por mar

 


Rutas: En bici

Rutas en bicicleta de montaña - 1
Desde o Padroado de Deportes organízanse tamén varias rutas pensadas para a súa realización en bicicleta de montaña e orientadas a persoas afeccionadas a este tipo de prácticas deportivas, xa que as rutas requiren de certa preparación física e técnica.

A primeira ruta proposta constitúe unha viaxe polas zonas húmidas do municipio (Lagoas de Carregal e Vixán, no Parque Dunar), e consiste, en síntese, nun percorrido coas seguintes características:



(Desde o Padroado advírtese da paciencia e do tesón que a orografía do terreo esixirán neste itinerario; ademais, a bicicleta sufrirá un considerable desgaste).

A distancia que se percorrerá é de 19 quilómetros e 200 metros, e serán necesarias 2 horas para esta práctica deportiva.

Poderíamos cualificar a dificultade física que implica este trazado como alta; e de media-alta a súa dificultade técnica. Será preciso utilizar desenvolvementos curtos durante todo o percorrido. O traxecto discorre por terreo areoso nun 60%, de terra nun 30% e rochoso nun 10%; practicamente sempre ao nivel do mar.

O inicio sitúase na praia de Espiñeirido, e a chegada no peirao fenicio de Couso.
É necesaria a baixamar para poder cruzar pola desembocadura dos ríos Longo, Sirves e Artes. De calquera xeito, unha molladura está asegurada, polo que se recomenda levar prendas para muda.

Tentarase contar con dous automóbiles para un regreso máis cómodo.

As referencias para o traxecto son: saída do chiringuito da praia; camiño de area un tanto tortuoso; paso por un regato de auga; paso polo cruceiro de Teira; paso bordeando o Monte Facho; incorporación á estrada; paso pola zona da duna móbil; paso bordeando o Río do Mar; Casa da Costa; pista cara ao Vilar; Lagoa de Vixán; tramos en dirección á Graña nos que hai que portar a bicicleta; praia de Area Basta; Couso; chegada ao peirao fenicio.

Rutas en bicicleta de montaña - Ruta dos Hórreos
A ruta dos Hórreos de Bretal para bicicleta de montaña é sen dúbida a menos doada, incluso para principiantes. Os seus 30 quilómetros de percorrido non son para tomar a brincadeira, así como as 3 horas que debemos empregar.

O percorrido discorre nun 90% por terra e nun 10 % por asfalto. A cota de máxima altitude é a dos 350 metros nunha aba dos Forcados; mentres que a mínima sitúase ao nivel do mar.

O inicio atópase no aparcadoiro dos Xulgados de Santa Uxía, de onde partiremos cara ao Parque de San Roque, monte a través; seguinte escala no Monte da Cidá, desde onde divisamos o noso próximo obxectivo: o Parque Natural. Cara a el descendemos, para logo continuar en dirección a Corrubedo, ir por Sirves e achegarse á zona elevada de Bretal desde a cal se ve un grupo de 20 hórreos e toda a aldea, unha área de labranza. Unha vez observadas estas vellas construcións, proseguimos cara ao Dolmen de Axeitos; de aquí a Oleiros, á aldea de Lixó e Os Muíños. Teremos que cruzar o río Arlés antes de emprender o ascenso ata Santo Amedio, o núcleo de poboación de maior altitude do concello e no que podemos deleitarnos cunhas preciosas vistas panorámicas. Descendemos ata o cruce de Moldes para volver subir ata o Monte de Santo Alberto. Coroado o cumio, só resta embalarse, con tento, costa abaixo, pola Coenlleira, ata alcanzar a meta na Fonte do León de Padín.

Rutas en bicicleta de montaña - Ruta Periurbana de Riveira
Esta ruta Periurbana de Riveira supón, ao longo dos seus 19 quilómetros, unha dificultade física media e unha dificultade técnica baixa; isto convértea na máis accesible para todos e en ideal para un primeiro contacto. Conta cun 25% de percorrido asfaltado e dun 75 % de terra; o punto de máxima altitude que acadaremos será de 209 metros, no Monte da Cidá.

A saída efectuarémola desde a praza da Igrexa, para comezar a escalar a rúa do Monumento e continuar o ascenso ata pasar a Fieiteira e chegar á Garita; volvemos sobre os nosos pasos un longo treito ata chegar ao cemiterio de Frións, de onde pasamos ata a Ermida de San Roque. Despois, continuamos ata o Monte da Cidá, desde o cal descendemos ata Xarás para recuperar folgos e encarar a subida a Santo Alberto. Unha vez no curuto, temos que descender, con precaución para sortear os perigos, cara á Vía Rápida. Enfilamos o último tramo de camiño rumbo á Pedra das Cabras, en Figueirido, antes de regresar á praia de Coroso e seguir pedaleando ata completar o retorno á praza Otero Goyanes.

Rutas en bicicleta de montaña - Ruta de Rosende
A Ruta de Rosende para bicicleta de montaña consta de 16 quilómetros, e esixe unha condición física media e unha cualificación técnica baixa. O traxecto levará 2 horas, e discorre por terra nun 90%, por area o 3% e por asfalto o 7%. A cota de máxima altura que acadaremos será de 190 metros na ladeira do Monte de Santo Alberto, mentres que a mínima será a nivel do mar.

Podemos distinguir dúas partes no percorrido: unha de zona de monte con fortes subidas e logo un prolongado descenso ata Rosende; e outra zona de monte baixo que se completa cun traxecto costeiro.

Este itinerario encerra un grande interese cultural e paisaxístico; podemos observar cruceiros, así como paraxes de natureza case virxe.

O traxecto parte do parque infantil das Carolinas cara a Deán e Santa Clara para de seguido internarse no bosque da Carballa. Logo de tramos con ciclabilidade máis complicada chegaremos ao lugar de Rosende e a Palmeira onde aínda nos agarda un camiño forestal; xa no Paseo Marítimo palmeirán, dirixirémonos ao centro da parroquia e á Insuela; desde aquí podemos atravesar pegados ás calas que atopamos ata Riveira ou cruzar polo piñeiral, o caso é acadar Coroso, o seu paseo, e retornar ata As Carolinas.

Subir

Rutas

Unha morea de suxerencias dos mellores itinerarios para coñecer a paisaxe respirando aire puro.

Acceder

.
Español English Português