|
Galerías do Centro Comercial Haley
 |
Praza do mercado dos sábados pola mañá, no Malecón.
|
Debemos recoñecer que non é a clásica actividade turística, pero quen máis quen menos, ben sexa por pracer ou por necesidade, pode verse na tesitura de procurar un barrio, unha zona onde se concentre a maioría dos comercios e dos servizos da cidade. En Riveira, o centro neurálxico axeitado para satisfacer estes desexos está en Padín, na entrada do casco urbano: o centro comercial "Haley" constituíu desde a súa apertura na primavera de 1998 un punto de encontro e efervescencia social. Ao pé da Avenida da Coruña, e dotado dun amplo aparcadoiro –zona ao aire libre e parcelas subterráneas– atopamos unha gran superficie con hipermercado, diversos establecementos comerciais de produtos de primeira necesidade, un café-restaurante e uns multicines. O mesmo que nas grandes urbes, o centro comercial eríxese en zona de entretemento e ocio, que o transforma irremisiblemente en lugar de encontro social. Á marxe desta grande área, o espallamento caracteriza a distribución urbana dos comercios, podendo subliñar unicamente os arredores da Praza do Concello, a avenida do Malecón ou certas arterias da cidade –Rosalía de Castro, Xeneral Franco ou Miguel Rodríguez Bautista– como zonas onde se concentran estes establecementos.
 |
Galerias do Centro Comercial Haley |
A importancia gastronómica de Galicia, e por ende, de Riveira, non é gratuíta nin choveu do ceo. Xa que logo, semella fácil deducir que unha das estratexias dos locais de lecer para captar clientela radica nas tapas. O tapeo posúe unha fonda e consolidada tradición, e tanto á hora do vermú como no serán, qué mellor elección ca unha boa bebida acompañada de algo sólido, ben cociñado e recendente. Trazando unha vista de norte a sur ao longo da fachada marítima riveirense, atopamos en primeiro lugar os locais e terrazas do Parque García Bayón, ambiente animado coa posibilidade de deixar os rapaces ao seu libre albedrío nas instalacións infantís. Ao longo do ancho paseo do Malecón multiplícanse as posibilidades, obrigándonos case de seguro a realizar máis dunha parada. Pretiño do Malecón, na praza de Vigo e os seus arredores, peonís, temos á nosa disposición máis sitios onde sorprendernos e degustar os diferentes aperitivos que nos sirvan. Para rematar esta ollada xeral, nos arredores do Auditorio, á entrada de Bandourrío, atopamos algún que outro local pródigo tamén nas saborosas e suculentas tapas; aínda que esta zona destaca máis por concentrar o ambiente nocturno.
 |
Terrazas do parque García Bayón. |
A marcha, a movida, ou como cada un prefira chamalo, coincide en gran parte coas zonas indicadas e suxeridas para as tapas: o Parque García Bayón, o Malecón... sobre todo nas primeiras horas. Para os que gusten de trasnoitar un chisco máis, veranse compracidos na praza de Vigo e na rúa contigua: Xeneral Espartero. A noite alóngase ata altas horas nas inmediacións do Auditorio, onde abundan os pubs, a boa música e o bo humor.
Subir

|
|
|