VI Feira da Educación de Riveira

A Feira da Educación de Riveira regresa na súa sexta edición dos días 3 a 7 de abril. Desta vez, a carpa de usos múltiples situada fronte ao mercado será o escenario dun certame organizado polo Concello en colaboración cos distintos centros de ensino do municipio que albergará un total de 50 actividades ao longo dos cinco días.

O concelleiro de Educación David Fernández, acompañado da responsable municipal de Normalización Lingüística, Alicia Padín, presentou a programación, que en días lectivos en horario de mañá está pensada nun público eminentemente escolar e docente, mentres que as tardes e fin de semana se orienta a pais, nais e público en xeral.

Neste senso, o edil destacou as once universidades procedentes de distintos puntos de España que acudirán a explicar a súa oferta formativa: algo de moito interese para nais, pais e titores de rapaces e rapazas ás portas de comezar formación académica.

Tamén incidiu nas diversas propostas organizadas en homenaxe a Luis Seoane e a Antón Fraguas, homenaxeados este ano respectivamente no Día das Artes Galegas e no Día das Letras Galegas.