XI Mostra de Títeres “Ti-Ti ritando de Emoción”

A mostra “Ti-ti ritando de emoción” chega este ano á súa décimo primeira edición cunha escolma das mellores montaxes de monicreques que se representan nos escenarios da nosa comunidade.

Nesta ocasión, segundo declarou a concelleira de Cultura Herminia Pouso sobre a presentación deste programa, fíxose un esforzo para dar maior protagonismo a esta programación e aproveitala tamén como conmemoración do Día internacional do libro infantil e xuvenil e o Día do libro que teñen lugar neste mes de abril. Por isto, aos espectáculos habituais que se celebran cada ano no auditorio, sumamos dúas propostas ao aire libre, conformando un cartel con seis espectáculos distintos dirixidos a un público familiar e con entrada gratuíta.

O calendario de representacións abrirase o domingo 1 de abril ás seis na Praza do Concello coa compañía Duende Sico e a obra “Menudos tres porquiños” que é unha adaptación en títeres do conto clásico, e pecharase o domingo 29 con outro espectáculo na rúa, tamén ás seis na Praza do Concello, co teatrillo “A mestra Tomasa e os libros”. Estas dúas funcións, se chove, trasladaranse ao Espazo Municipal de Usos Múltiples na Rúa de Galicia (a antiga carpa do mercado municipal).

Entremedias ao longo do mes haberá catro montaxes todos os sábados ás 19h. no auditorio, espectáculos todos eles que utilizan diversas técnicas ofrecendo así un repertorio de ilusión, maxia, humor e fantasía para os máis pequenos da casa pero tamén para público da calquera idade.

No auditorio o público familiar poderá ver o sábado 7 de abril á compañía Bandullo Azul co espectáculo “Filipa cos contos”, que mestura teatro, monicreques, música e humor. O seguinte sábado, día 14, a Asociación Musical Musicreques achéganos a obra “Iván e o lobo gris” que narra a historia de Iván e a súa viaxe polo bosque e que conta con música de piano en directo no escenario. O sábado 21 teremos a oportunidade de desfrutar de “Carapuchiña no Faiado”, de Teatro do Andamio, que é unha divertida e orixinal versión da tradicional historia de Carapuchiña vermella. E o sábado 28 de abril subirá ao escenario a compañía Títeres Cascanueces co espectáculo “A festa de Barriga Verde”.